A AVV Ventorrillo activa a 'Ruta Samaín/Halloween' e chama aos comercios a sumarse

A Asociación Veciñal do Ventorrillo prepara a súa tradicional Ruta Samaín/Halloween co obxectivo de ofrecer unha tarde festiva, familiar e chea de diversión no Ventorrillo, na Agra do Orzán e na Praza do Comercio. Despois das Festas do Barrio e con pouco marxe de tempo, a entidade fai un chamamento urxente á colaboración do tecido comercial para pechar o percorrido e garantir que ninguén quede fóra.
Os establecementos que desexen participar poden inscribirse enviando un correo a avvventorrillo@gmail.com, indicando o nome do negocio, a dirección e un teléfono de contacto, e manifestando a súa vontade de sumarse á iniciativa. A organización sinala que, por cuestións de tempo e persoal, esta canle facilitará incluír a todos os comercios interesados aínda que non se poida pasar fisicamente por cada un deles.
A dinámica da ruta manterá o formato xa coñecido: a AVV elaborará un plano con todos os establecementos colaboradores, que se poderá recoller na sede da Asociación Veciñal do Ventorrillo. A partir de ahí, as familias percorrerán os comercios da listaxe para recoller os agasallos preparados para a ocasión, e a xornada rematará na AVV da Praza do Comercio, onde se entregará o plano cumprimentado cos datos necesarios para participar no sorteo final.
A entidade veciñal adianta que nas vindeiras datas dará a coñecer os horarios, o percorrido definitivo e outras indicacións prácticas para o público participante. 'Non paramos! Queremos unha tarde terrorificamente divertida para todo o barrio', subliñan desde a organización, que invita á veciñanza e aos negocios a facer desta edición unha celebración de recordo.