A avenida da Sardiñeira estrea nova imaxe con máis accesibilidade, zonas verdes e un carril bici

ACoruñaXa
O Concello investiu 1,6 millóns de euros nas obras, cofinanciadas con fondos Next Generation, e prevé conectar a vía coa avenida de Arteixo no primeiro trimestre de 2026
A CORUÑA av sardiñeira
11 Nov 2025

A avenida da Sardiñeira xa amosa a súa nova imaxe tras a reurbanización levada a cabo polo Concello da Coruña dentro do proxecto de transformación urbana vinculado á futura estación intermodal. A alcaldesa, Inés Rey, acompañada polas concelleiras Noemí Díaz e Montse Paz, visitou esta mañá a zona para supervisar o resultado dos traballos, nos que se investiron 1,6 millóns de euros cofinanciados con fondos europeos Next Generation.

A remodelación tivo como obxectivo mellorar a accesibilidade universal, ampliar os espazos públicos e crear un novo carril bici que, nun futuro próximo, conectará coa avenida de Arteixo. Esta actuación forma parte da estratexia municipal de revitalización do barrio dos Mallos, onde a nova estación intermodal servirá como eixo central de mobilidade e reorganización urbana.

Rey destacou que, nas últimas semanas, o Concello modificou o sentido de rúas como Mariana Pineda, Borrallón e Francisco Catoira, para mellorar a conectividade interna do barrio e facilitar os accesos dende as vías principais. Ademais, habilitouse un novo xiro á esquerda cara á rolda de Outeiro en sentido de saída da Sardiñeira, atendendo ás demandas veciñais.

Paralelamente, avanzan os traballos da nova vía de dobre sentido que conectará a Sardiñeira coa avenida de Arteixo a través da Agra dos Mallos. Esta actuación, cun investimento adicional de 2,2 millóns de euros, comezou hai aproximadamente un ano e tiña como prazo inicial abril de 2026. Porén, a alcaldesa anunciou que o obxectivo é finalizar as obras no primeiro trimestre do ano vindeiro.

Esta nova conexión absorberá parte do tráfico xerado pola estación intermodal e aliviará a circulación na avenida de Arteixo, especialmente na contorna de Vioño. O proxecto inclúe tamén a substitución da rotonda oval prevista inicialmente por unha intersección en T regulada por semáforos.

En total, sumando as actuacións na avenida da Sardiñeira e na nova vía de conexión, o investimento municipal no distrito dos Mallos ascende a 3,8 millóns de euros.

⚙ Configurar cookies
0.072143077850342