A Autoridade Portuaria da Coruña realiza a licitación histórica do Máster Plan Coruña Marítima

O Consello de Administración da Autoridade Portuaria da Coruña celebrou unha sesión extraordinaria centrada nun único punto: a aprobación da licitación do Máster Plan Coruña Marítima. Trátase dun paso decisivo no proxecto de reordenación do espazo portuario da cidade, que conta co respaldo institucional de todas as administracións implicadas.
Ao encontro, que comezou ás 12.30 horas, acudiron representantes das seis entidades que cofinanciarán o plan: a Xunta de Galicia, o Concello da Coruña, o Goberno de España a través do Ministerio de Transportes, Puertos del Estado, ADIF e a propia Autoridade Portuaria. A presenza do presidente da Xunta, Alfonso Rueda; a alcaldesa da Coruña, Inés Rey; o secretario de Estado de Transportes, José Antonio Santano; o presidente de Puertos del Estado, Gustavo Santana; e o director xeral de Negocio e Cliente de ADIF, Juan Pablo Villanueva, puxo de manifesto a relevancia da iniciativa.
A licitación culmina un ano de traballo dende a sinatura do protocolo Coruña Marítima en maio de 2024, documento que sentou as bases para a reordenación urbanística e funcional do porto interior e a estación de mercadorías de San Diego. Posteriormente, constituíuse a Comisión Coruña Marítima e definiuse a redacción dun Máster Plan como primeiro paso do proceso.
O concurso, cun orzamento total de 3.015.000 euros, estrutúrase en dúas fases. Nunha primeira selección, escolleranse un máximo de cinco propostas entre todas as presentadas por empresas ou profesionais que cumpran os requisitos técnicos e de solvencia. Estes finalistas recibirán unha prima de 80.000 euros cada un. A proposta gañadora será elixida en base a criterios obxectivos como a calidade técnica, a viabilidade funcional, os aspectos ambientais e económicos.
O prazo estimado para resolver o concurso é de doce meses, polo que se prevé contar cun adxudicatario arredor de maio ou xuño de 2026. O equipo seleccionado terá ata o verán de 2027 para presentar o Máster Plan definitivo e documentos clave como a nova Delimitación de Espazos e Usos Portuarios, modificacións do PXOM, informes ambientais e propostas arquitectónicas para novos equipamentos.
A licitación será publicada nos próximos días no Diario Oficial da Unión Europea e na Plataforma de Contratación do Estado.
O Máster Plan deberá axustarse ás bases e aos catorce acordos estratéxicos definidos pola Comisión Coruña Marítima, así como ás achegas da cidadanía recollidas nas últimas semanas. O documento orientará o futuro da fachada marítima coruñesa, promovendo usos portuarios compatibles con novos usos económicos, equipamentos públicos, melloras de mobilidade e zonas verdes.
Antes do inicio da sesión, as principais autoridades asinaban no Libro de Ouro da Autoridade Portuaria, nun xesto simbólico que reafirma o compromiso institucional co futuro marítimo da Coruña.