A aula do mar de Mera supera os 5.000 visitantes e consolídase como referente turístico en Oleiros

A aula do mar de Mera leva recibidas máis de cinco mil persoas no que vai de ano, reforzando o seu papel como un dos recursos turísticos máis destacados do municipio e como centro de interpretación e benvida ao Monumento Natural da Costa de Dexo-Serantes.
Localizado nunha contorna privilexiada, entre os faros de Mera, o espazo ofrece unha exposición permanente sobre a biodiversidade e a paisaxe da zona, miradoiros con vistas espectaculares, unha ampla terraza e información sobre boas prácticas ambientais, así como sobre as rutas de sendeirismo que percorren o litoral.
O Concello de Oleiros mantén a súa aposta por un modelo turístico sostible, de proximidade e afastado da masificación, que combina o respecto polo medio natural co enriquecemento cultural das persoas visitantes. A Aula do Mar funciona como porta de entrada a este patrimonio, con visitas guiadas gratuítas e actividades de educación ambiental durante todo o ano, co obxectivo de concienciar sobre a súa conservación e promover un turismo que xere beneficios sociais e ambientais.
O centro permanece aberto de martes a domingo, en horario de 10.00 a 14.00 e de 16.00 a 19.30 horas, cun último acceso quince minutos antes do peche, ofrecendo unha experiencia que une interpretación, aprendizaxe e contacto directo coa natureza.