A Asociaicón Saúde Mental FEAFES Galicia estrea hoxe nova sede na Coruña
Hoxe, xoves 13 de xuño, Saúde Mental FEAFES Galicia inaugura a nova sede da súa delegación da Coruña, un espazo máis grande e mellor dotado que permitirá seguir mellorando a calidade da atención ás persoas usuarias. A nova ubicación atópase na Rúa Revolución Francesa nº13 baixo (15008 A Coruña).
A través do seu traballo, Saúde Mental FEAFES Galicia favorece cada ano a autonomía e a integración na sociedade de máis de 2.000 persoas con problemas de saúde mental en toda Galicia, das cales preto de 400 son atendidas na delegación da Coruña.
O acto contará coa presenza de D. Valentín González Formoso, presidente da Deputación Provincial da Coruña; Dna. Yoya Neira Fernández, concelleira de Benestar Social; D. Juan Ignacio Borrego Vázquez, Concelleiro de Educación, Emprego e Relacións Institucionais; e Dna. Marta Gil Pérez, Xefa do Servizo de Xestión da Consellería de Sanidade na Coruña. Igualmente, asistirán representantes doutros recursos e organizacións colaboradoras, así como membros da entidade e do seu tecido asociativo.
Saúde Mental FEAFES Galicia é unha entidade sen ánimo de lucro constituída en 1995. A súa misión é representar os dereitos e necesidades das persoas con problemas de saúde mental, mellorando tanto a súa calidade de vida como a das súas familias. Actualmente agrupa a 12 asociacións repartidas por toda Galicia que posúen centros e servizos en máis de 30 localidades.