A Asociación Xuvenil Xiradela de Arteixo celebra este sábado a actuación de fin de curso
A Asociación Xuvenil Xiradela de Arteixo celebra este sábado a actuación de fin de curso. Neste acto de clausura dáse conta de todo o aprendido ao longo do ano nas clases da Escola de Baile e Música Tradicional. A cita terá lugar a partir das 18.30 horas no Anfiteatro do Paseo Fluvial de Arteixo. O acto é aberto ao público polo que desde a asociación convídase á veciñanza a que acuda a gozar dunha tarde de festa.
Grupos de baile como Arroutada, Foliadeiras, Xiradeliños, Xiradeliñas ou Xestiñas, conxuntos de pandeireta como Algarada, Estalotes, Retelladas, A Pedreira, Chiculate, Troulada, Lume, Riscadeira, Arrieiras, Cinquilimpé ou A reghocheo, escola de gaitas e percusión interpretarán diferentes pezas como o Pasodobre dos Mariñás, o Maneo de Arteixo, a Muiñeira de Armentón, a Xota de Viladecruces, a Rumba do Pepe, a Carballesa do Incio, o Pasodobre dos Padernes, a Muiñeira do século XII ou a Trullada da Vendima.
En definitiva, soarán gaitas, pandeiretas, pandeiras, bombos, tambores e latas. Bailaranse xotas, muiñeiras, rumbas e pasodobles.
Máis dun cento de persoas compoñen a masa social da A.X. Xiradela onde se xuntan socios e socias cun ronsel de idades. A cativada confirma que hai canteira, e os grupos máis veteranos que a historia da A.X. Xiradela, con 42 anos de traxectoria, mantén viva a tradición e cultura galega ligada ao baile e a música.
Neste acto de clausura da Escola de Baile e Música Tradicional da A.X. Xiradela colaboran a Deputación da Coruña, o Concello de Arteixo, e Comercial Sánchez Vado.