A Asociación Veciñal de San Cosme de Maianca celebra un taller artístico de Samaín para a rapazada

ACoruñaXa
A actividade, subvencionada polo Concello de Oleiros, terá lugar o 8 de novembro e está dirixida a nenas e nenos de 4 a 12 anos
OLEIROS samain pequenos
1 Nov 2025

A Asociación Veciñal de San Cosme de Maianca organiza unha nova proposta para celebrar o Samaín cun enfoque creativo e divertido. Trátase dun taller artístico pensado para a cativada de entre 4 e 12 anos, que se desenvolverá o sábado 8 de novembro, de 17.00 a 19.30 horas, no local da AV de San Cosme de Maianca.

Baixo o lema ‘unha tarde terrorífica para pasalo de medo’, a entidade convida a todas as crianzas a acudir disfrazadas e participar nun obradoiro no que se combinarán a imaxinación, a pintura e a ambientación típica destas datas. As prazas son limitadas e cubriranse por orde de inscrición, que debe realizarse a través do formulario dispoñible en liña.

O custo da actividade é de 10 euros para non socios/as e de 5 euros para socios/as, mentres que o segundo irmán ou irmá paga só a metade da cota.

O evento conta co apoio e financiamento do Concello de Oleiros, dentro do seu programa de dinamización sociocultural das entidades veciñais do municipio.

Para máis información, as persoas interesadas poden contactar a través do teléfono 604 02 68 07 ou visitar a páxina web www.avsancosmedemaianca.gal.

⚙ Configurar cookies
0.076938152313232