A asociación Sementeira de Cambre: décadas colleitando emoción pola música

Por Amanda Fernández
A través dunha entrevista, mergullámonos na historia da asociación Sementeira de Cambre para coñecer o segredo para manterse viva e activa durante décadas. Falamos con Luís Bolón, director do grupo de instrumentos tradicionais que vén de lanzar o seu primeiro traballo discográfico.
Como nace a asociación?
A asociación nace nos anos 80, como unha agrupación tradicional. Nos inicios comézase a impartir baile, gaita, percusión e un pouco de linguaxe musical. Os docentes dos inicios ademais de ter unha vinculación grande coa música tradicional, eran músicos de banda, entón rapidamente comezan a impartir música tradicional.
A partir do ano 1985, xa se funda a banda de música e se imparten disciplinas do resto de instrumentos propios de banda de música: vento-metal, vento-madeira e percusión clásica. Esa oferta auméntase hai uns anos dando clases de violonchelo. Estes anos a agrupación foi colleitando diferentes proxectos. A sección que eu dirixo, a sección tradicional, a partir dos anos 90 morre e logo xa no 2016 no seo da propia aula de música tradicional é cando reimpulsamos a creación do grupo de instrumentos tradicionais, un grupo que vén de actuar no Encontro de Grupos Tradicionais.
O grupo de instrumentos tradicionais vén de lograr un fito especial non?
Acabamos de presentar o noso primeiro traballo discográfico. Se ben a banda de música da Sementeira de Cambre ten dous discos gravados, o grupo tradicional acaba de editar o primeiro traballo discográfico. Saíu ao público a finais do ano pasado, pero a presentación oficial foi hai escasos días, o 15 de marzo no Ágora da Coruña. Un traballo que recolle todo música das Mariñas.
Sementeira cando nace nos anos 80, organizou durante dez edicións un gran concurso de música tradicional galega. Vimos de organizar a novena edición do Encontro de grupos tradicionais . Cando reimpulsamos o grupo tradicional queriamos establecer conexións con outras agrupacións de Cambre e da zona. Marcamos como obxectivo xuntarnos ano a ano con agrupacións, para convivir, que nos escoiten e escoitar. Pasaron grupos como Santalla de Santa Cruz, Airiños de Sigrás ou Queiroa de Sada, co que participamos no festival Intercéltico de Lorient. Este ano tocoulle a agrupación veciña, As Mariñas de Cambre, agrupación histórica de Cambre e a Nova troula de Sada, unha agrupación de gran nivel e cunha proposta moi plural. Fíxonos especial ilusión xuntarnos e facer camiño xuntos.
Que actividades desenvolve a asociación? Diría que algunha destaca sobre outras no que atinxe a demanda ou maior auxe?
Sementeira en xeral é unha asociación, que realmente é a escola de música de Cambre. Hai dúas partes no proxecto, a máis académica, onde se imparten as disciplinas de vento-metal, vento-madeira, percusión, violonchelo, gaita, percusión tradicional, zanfona e baile galego; e por outro lado, as agrupacións, coa banda de música. Hai un proxecto artístico articulado coa banda musica e co grupo tradicional e un proxecto académico que forma ás novas xeracións cambresas e da revolta porque tamén hai alumnos de Culleredo, Carral...Creo recordar que a escola pasa de 200 ou preto, a banda ten 70 membros e nós somos 20 membros no grupo tradicional. É unha entidade potente nese sentido, tanto de persoa como de proxecto, moi ambicioso, con calquera das súas formacións, tanto co grupo tradicional como coa banda, que desenvolve unhas programacións á altura das mellores do país.

Cales diría que son as claves para que a asociación se mantivera durante este tempo?
Pode parecer que a música de banda e a música de gaita están un pouco distanciadas, mais non creo que sexa certo, é Sementeira é un claro exemplo de que non o é. Moitos dos alumnos tocan clarinete e gaita, igual percusión clásica ou tradicional e a súa formación vese máis enriquecida. Lín non fai moito tempo que a xente de Bioloxía chámalle economía do borde, ás zonas nas que dous ecosistemas diferentes se xuntan, cando iso se produce é onde máis novas formas de vida se xeran. Penso que na música pasa o mesmo, en principio non conviven xuntas, e de repente si, promove a que xurdan novas propostas.
Sobre a cuestión de que Sementeira sobreviva ou viva creo que iso é debido á ilusión, ao traballo e á entrega dos compoñentes das agrupacións e de quen xestiona unha directiva. Desinteresadamente poñen todo os seu corazón en conseguir levar adiante proxectos. É certo que Sementeira está a pasar por algunha que outra dificultade económica, ao final falamos dun proxecto serio, que ten sobre 12 traballadores e iso conleva gastos. Hai que dicir que nesa cuestións de como se levan a cabo as cousas, creo que a ilusión, a entrega e a paixón pola música poden con dificultades doutra índole.
A nivel de cultura tradicional, consideran que Cambre e a contorna é un lugar prolífero para esta práctica?
Si, creo que Cambre e As Mariñas tanto por pasado como por presente é unha das zonas con músicos e con máis música. Sementeira ten un público máis que fiel que acode aos concertos e, nese sentido, si. A veces non queres comparar, pero creo que Cambre e as Mariñas atreveríame a dicir que son zonas aínda por descubrir os grandes valores a nivel cultural. Son zonas que teñen outros aspectos bastantes promocionados, pero a nivel musical aínda nos faltan pasos por dar para que a sociedade coñeza o que hai. Sen ir máis lonxe temos a familia Seivane.

Pode compartir algunha anécdota ou momento especial vivido na historia da asociación?
Temos a presentación do disco moi fresca. Nesa presentación cando neste tipo de grupos o natural é que a xente veña dar os parabéns ou que traslade o que gustou máis ou menos. Nesta ocasión creo que se traspasou unha especie de fronteira e varias persoas dixeron que se emocionaran, de verdade. Outro momento que se me vén á cabeza foi cando lle fixemos unha homenaxe a Xosé Casal, é un gran artista, unha persoa que escribiu moita música e gran pintor. Neses inicios de Sementeira, foi unha persoa moi presente e Casal aquel día reencontrouse con amigos que levaba tempo sen ver. Lembro ben unha aperta que se deu con Ricardo Santos e aínda o conto agora e creo que se me encolle o corazón. Como a arte e a música une persoas e vidas, naquel momento lembro que foi moi significativo.
Hai moitas anécdotas divertidas. Nesa viaxe a Lorient na primeira noite máxica, unha das gaiteiras máis novas escordou un pe, estaba con muletas e a segunda noite máxica quería saír a escena e ir co grupo a tocar. Levabamos na expedición unha enfermeira, nai do alumno, que nos dicía que esta nena non podía saír así. Chamamos á nai da nena e lembro a nena chorando e insistindo en que quería saír. E finalmente saíu e hai un vídeo do festival dunha rapaza apoiada noutra sen apoiar o pé. Supoño que a adrenalina do momento fixo que non lle doese nin nada.
Se a alguén lle pode interesar comezar nunha asociación como a Sementeira, que lle diría?
Diríalle que ten que coñecer Sementeira de Cambre porque se vai emocionar, lle vai facer que lle guste a música, porque é unha agrupación que esperta curiosidade e porque creo que ten un proxecto artisticamente e musicalmente moi interesante que vai facer que se vén a un concerto, queira repetir.