A Asociación Orixes da Montaña: impulsando os oficios tradicionais de Teixeiro desde 2011

ACoruñaXa
Falamos con Carlos Freire, presidente da asociación, sobre a súa historia e a coñecida Feira dos Oficios de Montaña
orixes-montanha
18 Apr 2025

Por Amanda Fernández

A Asociación Orixes da Montaña de Teixeiro leva máis dunha década traballando para preservar e promover os oficios tradicionais da zona. Coa súa xa coñecida Feira dos Oficios da Montaña como evento insignia, esta asociación continúa traballando pola recuperación e divulgación das antigas tradicións e oficios que foron parte fundamental da cultura local.

Falamos con Carlos Freire, presidente da asociación, sobre a súa historia, os retos que enfréntanse e os logros alcanzados ao longo destes anos.

Como naceu a idea de facer unha feira de oficios tradicionais dentro das festas patronais de Teixeiro?

A Asociación Orixes da Montaña naceu no ano 2011 cando boa parte dos membros da asociación formábamos parte da comisión de festas patronais do pobo de Teixeiro e decidimos tentar que un día da nosa festa fose algo diferente, máis aló da orquestra e as atraccións habituais, coas 1ª Festa dos Oficios da Montaña.

Que lembranzas gardades daquela primeira edición?

A primeira Feira fíxose con talleres de oficios artesáns, con especial énfase nos tradicionais da nosa comarca, postos de venta, actuacións musicais e talleres para os máis novos. Tivo éxito e, dous anos despois, decidimos repetila e así medrou ano tras ano.

Para realizar a nosa Feira é básica a colaboración doutras agrupacións e asociacións locais, como son a agrupación que leva varios anos recuperando a malla tradicional do trigo coas súas plantacións, recolleita, e malla a man e mecanizada o día da feira. É unha actividade que gaña ano a ano en participantes e tamén contamos con música e baile tradicional coa Asociación Faragullas.

Por parte das administracións as respostas foron moi diferentes, a Deputación da Coruña foi a que nos prestou máis axuda para poder continuar coa nosa actividade.

Máis aló da Feira que outras actividades desenvolven?

Ademais da nosa Feira realizamos outras actividades como obradoiros de xoguetes tradicionais no colexio de Teixeiro, talleres de forxa no antigo talles do ferreiro do pobo, obradoiros de agricultura ecolóxica, roteiros,...

Cales son os oficios tradicionais que se poden ver na Feira?

O oficio de ferreiro, co forxado de pezas en vivo e directo, sempre recolleu gran atención. Máis xente que quixo sumarse a este oficio e agora se propoñen facer eles pezas para vender noutras feiras. Por exemplo, o mesmo ferreiro que estivo restaurando a catedral de Santiago.

O zoqueiro que, non se esqueceu de realizar eses zocos tal e como lle ensinaron de rapaz na súa casa e aínda fai uns zocos perfectos e a medida, non da atendido os encargos.

A talla en madeira é outro oficio interesante, mágoa que o noso ebanista do pobo xa non pode facer a súa demostración. A talla con motoserra crea gran sorpresa do que se pode obter con esa bruta ferramenta forestal. Os canteiros do noso veciño Pardiñas que nunca baixaron o ritmo en manter viva a súa profesión. Cesteiro, soprador de vidro, alfareiro, xoieiro,... e tantos mais que poderíamos mencionar.

Cal é a clave para manter estes oficios tradicionais?

O máis positivo é ver como se recuperan estes oficios coa súa actividade económica e os máis novos poden ver eses traballos e esas profesións que só leran nos libros. Ademais, non só iso, poden eles mesmos participar nestes talleres elaborando as súas propias pezas.

Os rapaces son unha das partes máis importantes da nosa actividade para que eles aprendan, valoren e manteñan vivas estas actividades.

Estades abertos a novas incorporacións? Como poden participar

Estamos abertos a que calquera persoa ou agrupación que queira mostrar o seu oficio e comerciar os seus produtos participe na nosa feira e talleres, e iso lle axude a poñerse en valor, especialmente o relacionado coa nosa comarca.

 

⚙ Configurar cookies
0.18724799156189