A asociación LGTBI+ ALAS A Coruña organiza unha gala benéfica para a atención de vítimas de delitos de odio

ALAS A Coruña dará comezo ás actividades do Orgullo LGTBI+ coa organización, por primeira vez en Galicia, dunha gala benéfica cuxa recadación irá destinada á atención de vítimas de delitos de odio, un eido no que a asociación traballa desde hai anos e polo cal exerce a acusación popular no caso de Samuel Luiz.
O público asistente a esta gala, que combinará elementos lúdicos e reivindicativos, poderá gozar de sorteos de produtos e servizos de empresas, música en directo e gastronomía, así como da entrega do XXI Premio Marcela e Elisa ao club de lectura LGTB, QUEERuña. Todo isto será dinamizado polas artistas audiovisuais Belén Puime e Uxía Vázquez.
As persoas interesadas en asistir a este evento solidario poden adquirir as entradas na sede de ALAS A Coruña (Rúa Cardenal Cisneros 68, baixo dereita, 15007 A Coruña).
Desde a asociación fan un chamamento á cidadanía para que asista a esta gala, que será a primeira dunha longa lista de eventos que ALAS A Coruña ten preparados para este Orgullo 2025. En palabras da presidenta da asociación, Ana G. Fernández: “En tempos nos que os dereitos humanos están en cuestión, celebrar este tipo de eventos pon de manifesto o compromiso e a implicación da sociedade coa comunidade LGTBI+ e o seu tecido asociativo”.