A Asociación de Veciños do Temple convoca o Concurso de Narrativa Breve en galego

A Asociación de Veciños do Temple impulsa a segunda edición do Concurso de Narrativa Breve en galego 'Conto a Conto', unha iniciativa que busca fomentar o uso do galego entre as novas xeracións a través da creación literaria.
O certame está dirixido a rapazada de entre 8 e 15 anos e establécense tres categorías diferentes en función da idade dos participantes, cun premio para cada unha delas. Deste xeito, a asociación pretende estimular a creatividade dos máis novos ao tempo que reforza a presenza do galego na literatura infantil e xuvenil.
As persoas interesadas en participar poderán presentar os seus relatos ata o 30 de abril. Para facilitar a entrega, a organización habilita dúas vías de recepción dos escritos: de maneira presencial na sede da entidade, situada na rúa Tapia 3, no Centro de Servizos Múltiples, os martes e xoves en horario de 12.00 a 13.30 horas, ou a través do correo electrónico aavvotemple@gmail.com.
Con esta nova convocatoria, a Asociación de Veciños do Temple reafirma o seu compromiso coa promoción da lingua galega e co impulso da cultura entre a mocidade, facendo do certame 'Conto a Conto' unha plataforma para descubrir e valorar o talento literario dos máis pequenos.