A Asociación de Gandeiros Elas Eles urxe prohibir a aplicación de xurros e dixestatos non desinfectados

A Asociación de Gandeiros e Gandeiras Elas Eles (AGG-EE) presentou hoxe unha demanda oficial perante as Consellarías do Medio Rural e de Medio Ambiente e Cambio Climático, na que esixe medidas urxentes e contundentes para impedir a dispersión da Dermatose Nodular Contaxiosa (DNC). No escrito, a organización solicita a prohibición temporal da aplicación agrícola de xurros e dixestatos procedentes de xestores que non acrediten de forma rigorosa e auditada a desinfección térmica do material, ao considerar que existe un risco elevado de contaminación cruzada e un baleiro de control derivado da división competencial entre administracións.
Elas Eles advirte de que o virus responsable da DNC é un patóxeno de grande estabilidade que pode permanecer viable no xurro durante períodos prolongados, especialmente se non se aplican tratamentos térmicos axeitados. A asociación subliña que o xurro procedente de gando en risco debe considerarse material de Categoría 2 e, por tanto, someterse a transformacións estritas; non obstante, moitas plantas de biogás que tratan estes residuos están catalogadas como industrias e dependen primordialmente da supervisión de Medio Ambiente, mentres que a verificación continua dos puntos críticos de control corresponde á Consellaría de Medio Rural. Esta falta de coordinación administrativa, sinala AGG-EE, pode propiciar fallos no proceso e a mestura de materiais de distintas categorías, convertendo grandes volumes de dixestato en vectores de alto risco para o conxunto do sector gandeiro galego.
Aplicando o principio de precaución recollido na normativa de sanidade animal, Elas Eles demanda que as consellarías implicadas actúen de xeito conxunto e inmediato. No seu escrito reclaman, entre outras actuacións, a imposición dunha prohibición estrita e temporal para a aplicación agrícola de xurros e dixestatos de orixe bovina sempre que o xestor non aporte unha certificación auditada que demostre ter alcanzado o perfil térmico virucida exixido; a elaboración dun protocolo conxunto de inspección e auditoría entre Medio Rural e Medio Ambiente para verificar o cumprimento dos puntos críticos de control en todas as plantas que manexan SANDACH de Categoría 2; e o reforzo da trazabilidade na orixe mediante inspeccións máis intensas en matadoiros e explotacións para garantir a segregación, etiquetaxe e tratamento correctos do material de alto risco antes da súa valorización.
A asociación advirte de que, de non adoptarse estas medidas, a mestura habitual de residuos e calquera deficiencia nos procesos térmicos poderían desencadear un colapso sanitario con consecuencias económicas severas para as explotacións. Por iso reclama responsabilidade política e coordinación administrativa para priorizar a bioseguridade da gandería por enriba das dificultades técnicas ou burocráticas, co fin de protexer a saúde animal e a sustentabilidade do sector en Galicia.
Na súa petición, Elas Eles fai un chamamento á celeridade na toma de decisións e á máxima transparencia nas actuacións de vixilancia, ao tempo que solicita medidas que garantan a protección da cabaña gandeira e a confianza dos produtores nos sistemas de xestión de residuos.