A Asociación de Concellos Galegos Afectados pola AP-9 impulsa actualizar o valor catastral da autoestrada

ACoruñaXa
Coa actualización establecerase un imposto máis axustado á realidade actual e un incremento nos ingresos dos concellos
abegondo-ap9
29 May 2025

A Asociación de Concellos Galegos Afectados pola AP-9 vén de dar un paso firme na súa loita por un tratamento fiscal máis xusto respecto á infraestrutura que atravesa os seus territorios. O presidente da entidade e alcalde de Abegondo, José Antonio Santiso, mantivo unha xuntanza coa xerente rexional do Catastro, Victoria Fernández, e mais co seu adxunto, Isidoro Miguel, co obxectivo de avanzar na revisión do valor catastral da autoestrada.

Segundo informou Santiso tras o encontro, os responsables do Catastro confirmaron que os traballos de actualización da valoración da AP-9 xa están en marcha. O rexedor solicitou que o proceso poida quedar completado ao longo de 2025, co fin de aplicar os novos valores no cobro do IBI a partir de 2026. Esta actualización permitirá establecer un imposto máis axustado á realidade actual, o que se traducirá nun incremento nos ingresos dos concellos afectados.

O alcalde de Abegondo agradeceu a “colaboración total” da Gerencia do Catastro e destacou o bo clima da reunión, que se desenvolveu con cordialidade e espírito construtivo. Subliñou ademais a importancia de corrixir unha situación que se arrastraba desde hai anos, xa que a última valoración da infraestrutura data de 2007.

Esta medida acompáñase doutra recente conquista da Asociación: a supresión da bonificación do 95 % no IBI da que gozou a concesionaria da AP-9 durante medio século. Neste sentido, as Deputacións, responsables da xestión tributaria en moitos dos municipios implicados, xa emitiron o recibo completo do imposto correspondente ao ano 2024 e prevén facer o propio cos últimos catro meses de 2023, coincidindo co remate da bonificación.

A Asociación de Concellos ve nestes avances un importante respaldo ás súas demandas históricas, encamiñadas a lograr un trato fiscal máis equitativo e que beneficie directamente aos municipios que soportan o paso dunha das principais arterias viarias de Galicia.

⚙ Configurar cookies
0.16889786720276