A Asociación de Amas de Casa da Coruña acolle unha conferencia sobre o primeiro ano da Xunta

A Asociación Provincial de Amas de Casa, Consumidores e Usuarios da Coruña organizou esta semana unha conferencia para facer balance do primeiro ano de lexislatura da Xunta de Galicia. No encontro participou a delegada territorial do Goberno galego na Coruña, Belén do Campo, quen destacou os principais investimentos e actuacións realizadas na cidade en eidos como a vivenda, a sanidade, a educación ou a política social.
Durante a súa intervención, Do Campo salientou que a Xunta aposta por unha forma de gobernar “con estabilidade, rigor e acción”, centrada en cumprir os compromisos adquiridos, gobernar para toda a cidadanía e fuxir da confrontación.
En materia de vivenda, destacou os 126 millóns de euros que se investirán este ano en chan e vivenda pública, co obxectivo de duplicar o parque ata os 8.000 inmobles. No caso da Coruña, subliñou a construción de 144 vivendas protexidas no polígono de Xuxán, das cales 104 xa están en obras, así como a previsión de edificar outros 100 fogares grazas á cesión de parcelas municipais.
En relación coa sanidade, puxo como exemplo o novo hospital Chuac, cualificándoo de “proxecto estratéxico” para máis de medio millón de pacientes da área sanitaria da Coruña e Cee. Tamén destacou o calendario de vacinación galego, considerado un dos máis avanzados de Europa.
Do Campo tamén fixo referencia ao investimento de 18,6 millóns de euros en melloras en 22 centros educativos coruñeses e ás medidas de apoio ás familias, como a educación infantil e universitaria gratuíta ou a nova dedución no IRPF para libros e material escolar.
Na parte final da conferencia, a delegada puxo o foco no coidado das persoas maiores, destacando o Plan de Choque da Dependencia e a mellora de residencias públicas como a da Torrente Ballester, que recibirá 5,5 millóns de euros para a súa renovación integral. Ademais, avanzou a creación dun Comisionado Autonómico contra o idadismo como parte da Estratexia Galega que se estenderá ata 2031.
A conferencia serviu como punto de encontro entre representantes da Xunta e o tecido asociativo coruñés, co obxectivo de achegar á cidadanía a acción de goberno desenvolvida durante este primeiro ano de lexislatura.