A Asociación Cultural e Teatral Abril de Lume e Ferro concede o Premio Mártires da Libertade 2025 a título póstumo a Moncho Reboiras

ACoruñaXa
O acto de entrega terá lugar o próximo 12 de decembro na Casa da Cultura de Carral
carral-premio-moncho-reborais
2 Dec 2025

O venres 12 de decembro, ás 19:00 horas, celebrarase na Casa da Cultura de Carral o acto de entrega do Premio Mártires da Libertade 2025, que este ano se concede a título póstumo a Xosé Ramón Reboiras Noia, máis coñecido como Moncho Reboiras. A distinción coincide co 50 aniversario do seu asasinato a mans do réxime franquista.

A Asociación Cultural e Teatral Abril de Lume e Ferro, organizadora do galardón, será a encargada de celebrar a cerimonia, que contará coa participación dos directivos da asociación, membros do xurado e coa presenza de Manolo Reboiras, irmán do homenaxeado, que será o encargado de recoller o premio. Tamén asistirán representantes da Fundación Moncho Reboiras.

O pasado 14 de novembro, o xurado do Premio Mártires da Libertade, formado por premiados anteriores e pola directiva de “Abril de Lume e Ferro”, acordou outorgar esta edición a Moncho Reboiras, recoñecendo o seu compromiso e sacrificio na loita contra a ditadura franquista.

Xosé Ramón Reboiras Noia (1950-1975) naceu en Imo, Dodro, no seo dunha familia traballadora dedicada ao campo e ao mar. En 1959 trasladouse coa súa familia a Vigo, onde comezou a tomar conciencia da realidade obreira e das inxustizas sociais que marcarían a súa vida.

Estudante aplicado e comprometido desde novo, iniciou o seu activismo na Asociación O Castro e máis tarde na Asociación Cultural de Vigo. Foi cofundador da publicación “Des...tornillo” e comezou a súa militancia clandestina na Unión do Pobo Galego (UPG) cara a 1969.

A súa loita, centrada na defensa dos dereitos dos traballadores e do nacionalismo galego, levouno a participar na creación do Sindicato Obreiro Galego (SOG) e da Asemblea Nacional-Popular Galega (AN-PG). O seu activismo mantívoo na clandestinidade ata que foi asasinado pola policía franquista en agosto de 1975 en Ferrol.

Desde 2013, a Asociación “Abril de Lume e Ferro” concede este premio a persoas, grupos ou organizacións que destacan polo seu compromiso coa liberdade, a xustiza e a defensa de Galicia, e este ano rende homenaxe á memoria e legado de Moncho Reboiras.

⚙ Configurar cookies
0.086939811706543