A Asociación Cultural Donaire: "O folclore galego tamén se merece ser tratado en espectáculos de alto nivel"

ACoruñaXa
A asociación naceu no ano 2000 na cidade co obxectivo de salvagardar, ensinar e facer chegar a música e o baile tradicional galego
Asociación Cultural Donaire
4 Feb 2024

Miriam García

Os colectivos e asociacións da cidade da Coruña, ao igual que o fan os cidadáns, márcanse novos propósitos e desexos de cara ao arranque do novo ano e fan un balance de como foi a súa actividade ao longo do 2023. Dende a redacción ACoruñaXa queremos dar voz a tódalas agrupacións que conforman e facilitan a vida dos coruñeses e coruñesas, por iso ao longo destas semanas imos a dedicarlle un espazo a algunhas delas, empezando polo sector cultural, un dos máis aprezados nos últimos anos.

A cultura galega é un dos sectores que máis está a medrar en popularidade, e iso dende a Asociación Cultural Donaire sábeno moi ben. “O 2023 foi un ano moi bo, medramos moitísimo. Tivemos unha afluencia moi grande de xente adulta, aínda que temos bastantes nenos, pero dende a pandemia son máis os maiores que se animan a aprender a bailar e a tocar instrumentos como a pandeireta e a gaita”, explica Olga Kirk, directora artística da asociación. “Se no curso 2022-2023 tiñamos unhas 70 clases, no de este ano temos 85”, apunta a profesional, xunto a que o cambio de local da asociación a un máis grande, no Polígono da Grela, e o ‘boom’ que está a experimentar a música tradicional, da man de artistas como as Tanxugueiras e Xabier Díaz, axuda a chamar a atención do público de entre 18 e 50 anos.  

“A asociación naceu no ano 2000 na cidade co obxectivo de salvagardar e, sobre todo, de ensinar e facer chegar a cultura tradicional galega con foco na música e no baile a maior cantidade de persoas”, indica Olga. Moitas das súas pezas son inéditas, pois veñen a ser o froito dun longo traballo de campo que os seus directores e fundadores levan facendo dende o ano 1991. 

Sempre en contacto co público

Entre as súas actividades atópanse as clases que imparten a diario na súa sede de baile tradicional e de pandeireta, de acordeón, de gaita, de canto e de percusión. “Organizamos as ‘Foliadas da Coruña’ unha vez ao mes abertas ao público. Normalmente son na nosa sede, pero facemos unha grande no parque de Eirís porque a asociación estivo moi vinculada a esa zona nos seus inicios”, explica a directora. “Ademais de que facemos actuacións por toda Galicia, noutras partes do Estado e incluso no estranxeiro en escolas, residencias da terceira idade e auditorios”, engade.

De cara o 2024 teñen un obxectivo principal en mente “manternos onde estamos e continuar coas nosas actividades con ganas”.  Queren seguir organizando os seus festivais anuais: por unha banda, ‘O berce de Donaire’, que vai pola súa XII edición e enfocase á rapazada da escola e que celebran no auditorio do Ágora. E, por outra banda, o festival ‘Dálle Donaire’, no Teatro Colón, que ten como protagonista ao Grupo Donaire, a estrela da asociación que representa a Galicia en festivais europeos. “Queremos que a cidadanía vexa que o folclore galego tamén se merece ser tratado en espectáculos de alto nivel como ocorre con calquera outro tipo de música”, conclúe Olga Krik.

0.18922400474548