A Asociación As Bolboretas A Coruña: "Hai quen cre que con cancro non se debería facer deporte"
Por Miriam García
As Bolboretas A Coruña é moito máis que unha asociación deportiva. Dende o 2021, aposta pola práctica da modalidade do piragüismo Dragon Boat como ferramenta para mellorar a saúde física e emocional das súas integrantes, demostrando que o exercicio é un aliado clave na loita contra o cancro de mama. Falamos con Marta, membro da Xunta Directiva para coñecer máis sobre este grupo ce mulleres deportistas loitadoras.
- Que é Bolboretas A Coruña e cal é a súa misión?
Bolboretas A Coruña é unha asociación sen ánimo de lucro, de carácter deportivo e cultural, integrada exclusivamente por pacientes de cancro de mama. A nosa actividade principal é a práctica do Dragon Boat, unha modalidade de piragüismo de orixe chinesa con séculos de historia.
Ademais do aspecto deportivo, desenvolvemos un importante labor social e cultural. Durante o ano 2024, por exemplo, participamos como causa solidaria en eventos como a Carreira da Muller ou a carreira 5K de Leyma. Tamén colaboramos coa Asociación Española Contra o Cancro e estivemos presentes en actividades solidarias de clubs como o Básquet Coruña e o Maristas. A través destas accións, visibilizamos a loita contra o cancro de mama e promovemos a unión entre as nosas participantes.
- Ademais do Dragon Boat, que outras actividades organizades?
Realizamos charlas e eventos con profesionais de diversos ámbitos. Por exemplo, fisioterapeutas ensinaron técnicas para coidar o chan pelviano e practicar paleo sen risco de lesións. Tamén tratamos temas relacionados co benestar físico, como o uso adecuado do suxeitador, e cuestións psicolóxicas, como o manexo das emocións.
- Como naceu Bolboretas A Coruña?
A asociación fundouse en 2021 grazas ao traumatólogo coruñés Rafael Arriaza, quen se inspirou nun proxecto do doutor canadense Don McKenzie, pioneiro no estudo dos beneficios do Dragon Boat para pacientes con cancro de mama. Co apoio dos hospitais HM e a implicación de Julia Rodríguez, conseguiuse a doazón dun barco de 22 prazas a través da Cátedra de HM Hospitales.
Dende entón, non deixamos de crecer. En 2024, por exemplo, acadamos maior visibilidade e establecemos colaboracións coa Universidade da Coruña, onde realizamos adestramentos en seco e estudos sobre a relación entre deporte e procesos oncolóxicos.
- Que caracteriza o Dragon Boat como deporte?
É unha modalidade de piragüismo orixinaria da China antiga, cunha embarcación longa e decorada con motivos de dragón. Nos barcos, reman 12 ou 22 tripulantes sincronizadamente ao ritmo dun tambor.
Para nós, máis aló do deporte, o Dragon Boat simboliza traballo en equipo, superación e solidariedade. É unha maneira de unirnos, apoiarnos e afrontar os retos que trae o cancro de mama.
"Aínda hai quen cre que alguén con cancro non debería facer deporte, pero demostramos o contrario".
- Por que escoller o Dragon Boat para pacientes de cancro de mama?
Está comprobado que esta modalidade é moi beneficiosa para as secuelas do cancro de mama, como o linfedema. A técnica de paleo favorece a circulación da linfa no brazo, axudando a previr ou frear a progresión desta secuela.
Ademais, os beneficios van máis aló do físico. A sensación de formar parte dun equipo, de superar retos e de non sentirse soa durante o proceso de recuperación é algo impagable.
- Que impacto ten a práctica deportiva para as vosas socias?
O deporte ten un impacto físico e psicolóxico enorme. Fisicamente, axuda a fortalecer as zonas afectadas polas operacións, mentres que a nivel emocional fomenta a conexión con outras persoas que comparten experiencias similares.
Non solemos falar da enfermidade, pero se alguén necesita facelo, sempre atopa apoio no grupo. Para as novas socias que están comezando o proceso, é moi motivador ver a outras compañeiras que superaron esta etapa e están en boa forma.
- Cantas socias formades parte da asociación?
Agora mesmo somos 36 socias activas, ademais de catro ou cinco fillas de socias que nos apoian nas saídas á auga. A idade das participantes vai dende os 30 ata máis de 70 anos, e contamos tanto con mulleres que fixeron deporte antes como con outras que comezaron con nós.
- Con que frecuencia adestrades?
En seco, adestramos os martes e os xoves na Aula Náutica da Universidade da Coruña. Para a práctica no auga, saímos os sábados e os domingos, e recentemente engadimos os luns e os mércores para preparar a tempada de competicións.
"Formar parte dun equipo e sentir apoio mutuo é algo impagable".
- Competides nalgunha liga ou campionato?
Si, formamos parte dunha liga específica para pacientes de cancro de mama chamada Breast Cancer Survivors, con campionatos autonómicos, nacionais e internacionais. En cada competición sumamos puntos e optamos a medallas e copas.
- Percibides estereotipos arredor do cancro e o deporte?
Por desgraza, aínda existen prexuízos. Moitas persoas cren que alguén con cancro non debería facer deporte, e mesmo hai oncólogos que desaconsellan actividade física. Non obstante, cada vez máis especialistas destacan os beneficios de manterse activa durante e despois dos tratamentos.
Está demostrado que o exercicio físico reduce os efectos secundarios da quimioterapia e da radioterapia, sempre que estea supervisado por profesionais.
- Que lle dirías a unha muller con cancro de mama que dubida en unirse a vós?
Animaríalle a probar. Ofrecemos dous adestramentos en seco e unha saída á auga sen compromiso. Cada unha participa ao seu ritmo e dentro das súas posibilidades. É unha experiencia moi enriquecedora tanto a nivel físico como emocional. Todas as mulleres interesadas en participar na asociación poden poñerse en contacto con nós a través do correo electrónico bolboretascoruna@gmail.com ou do número de teléfono 643 461 017.