A artista coruñesa María Maquieira será a encargada de encher de arte a sala de exposicións da Casa Museo María Pita, na Cidade Vella da Coruña, durante todo o mes de agosto. Esta mostra enmárcase dentro do VII Ciclo Metropolitano Elas Son Artistas, e conta coa colaboración do Concello da Coruña. A exposición, titulada "Os sons internos son a vida das cores", terá entrada libre e poderá visitarse de martes a sábados, de 10.00 a 13.00 horas e de 17.00 a 20.00 horas.
A inauguración da exposición terá lugar o mércores 31 de xullo ás 19 horas e será un evento especial, xa que contará coa intervención musical de Leticia Rey, amiga da artista. Leticia ofrecerá unha breve actuación musical que complementará a obra de María Maquieira, coa que comparte numerosas inquedanzas e conversas sobre a arte e o seu significado nas súas vidas. A entrada ao acto será libre ata completar aforo.
María Maquieira, formada en Historia da Arte e en Belas Artes, desenvolveu a súa formación en Roma, Grecia e Galicia. A súa traxectoria inclúe exposicións tanto individuais como colectivas en países como Polonia, Suíza, Francia, Alemaña, Suecia, Estados Unidos e varios países de América Latina, consolidándose como unha artista de proxección internacional.