A artista Geni Ramil pon cor á historia esquecida das mulleres galegas: “Un recordatorio de onde vimos”

Por Amanda Fernández
A través da súa serie ELAS, a artista Geni Ramil mergúllanos nunha viaxe emocional e histórica ao corazón do rural galego de hai cen anos, poñendo no centro da súa obra ás mulleres que, durante décadas, sostiveron coa súa forza e traballo a vida das súas familias.
Nesta entrevista, a creadora galega achéganos ao proceso artístico e vital que a levou a recuperar estas figuras esquecidas e a súa aposta decidida por unha arte con vocación de memoria e compromiso social. A exposición pode visitarse ata o vindeiro 29 de xullo na Casa Museo María Pita.
Que lle inspirou a crear Elas, unha serie que mergulla na vida das mulleres galegas do rural de hai un século?
Botando un ollo á reportaxe fotográfica que Ruth Matilda Anderson realizou a principios do século pasado sobre as costumes da vida en Galicia, fixo que pensase no feito de que nos estabamos esquecendo de como traballaban esas mulleres, de sol a sol, mariscadoras, cociñeiras, palilleiras, comerciando con gando ou co que xurdise, para criar aos seus fillos.
É tempo de observalas e de pensalas.
Que a levou a poñer o foco nese tempo e nesas protagonistas esquecidas?
A valentía e o valor de soportar sobre os seus ombreiros a supervivencia do seu país, soas, con maridos emigrados buscando un futuro mellor.

Que atopou nas fotografías de Ruth Matilda Anderson para reinterpretalas dende a pintura?
Que son fotografías que amosan escenas destas mulleres tal e como sucedían, sen poses, intentando deixar constancia de como cos seus panos na cabeza, as súas profundas engurras e as súas caras queimadas polo sol, traballan no mar, labran a terra, todo o día dobradas recollendo no chan ou que tocase.
Que busca transmitir coas súas obras nesta mostra?
Pretendo transmitir, dando cor nos lenzos ao esquecido en branco e negro, un recordatorio de onde vimos.
Que emocións ou reflexións lle gustaría espertar no público que visite Elas?
Que a vida en Galicia a principios do século XX era a vida das súas mulleres, loitando polo seu país, a súa xente e a súa terra.
Ao longo da súa traxectoria, como foi construíndo a súa identidade como artista? Que etapas marcaron a evolución do seu estilo?
Son autodidacta, desde sempre pinto realismo e impresionismo, traballando coa fotografía para precisar o acabado da obra. Motívame perpetuar a beleza dunha flor antes de que desapareza, e incluso cando xa está seca e morta mostrar que segue sendo preciosa.
Interésame, ademais da figura humana, deixar constancia do cotidiano do momento que vivimos, así como da arquitectura urbana.
A figura humana está moi presente no seu traballo, tanto nas escenas rurais como noutras series anteriores. Que lle interesa de representar o corpo e a vida cotiá?
Comecei pintando a figura humana representando mulleres de raza africana, realizando as súas labores, ao tempo que levan aos seus fillos nas costas. Mulleres de Etiopía da tribu mursi, intercambiando a súa liberdade por uns aneis colocados nas súas orellas ou nos seus beizos, para obrigalas a permanecer na súa tribu. Despois diso, xurdiu a colección ELAS, motivada por dar visibilidade a esa forma de vivir das mulleres galegas entregadas, como dicía aos seus fillos e á súa terra.
Retomarei nalgún momento a colección a gran formato da muller africana, é moi interesante como se reflicte nas súas caras ese orgullo étnico.

Considera que a arte ten unha responsabilidade social ou unha vocación de memoria?
Por suposto, a arte ten unha responsabilidade social, para iso é moi importante dar visibilidade nos lenzos ou en calquera outra expresión artística ao esquecido.
Que significa para vostede expoñer na súa cidade, en espazos como a Casa Museo María Pita?
Significa moito para min, o poder expor a miña colección ELAS na Casa Museo María Pita, precisamente na casa desa muller que en tempos máis afastados tamén defendeu e loitou pola supervivencia da súa xente e da súa terra. Gustaríame que este proxecto ELAS, non só se quedase en A Coruña.
Quero darlle protagonismo noutras localidades de Galicia, e incluso completar a colección con outros oficios non menos importantes que fan grandes ás mulleres que os executan. E por suposto sigo coas miñas flores en formato grande que son marabillas e o resto de motivos que me encanta pintar.
E non me queda outra que dicir: Grazas a todas ELAS.