A artesanía tradicional entra nas aulas para achegar os oficios ao alumnado

ACoruñaXa
A Xunta leva este luns o programa 'Artesanía na Escola' a centros da Coruña e de Oleiros coa participación de Elena Ferro e Xosé Manuel Sanín
A CORUÑA charla artesania
9 Mar 2026

A artesanía galega volve abrirse paso nas aulas coa chegada dunha nova xornada do programa 'Artesanía na Escola' a colexios da Coruña e de Oleiros. A iniciativa, impulsada pola Fundación Artesanía de Galicia, achega ao alumnado de Primaria dous oficios tradicionais con fonda raíz no patrimonio galego: a elaboración de zocos e a construción de pandeiretas.

As actividades desenvólvense este luns no CEIP José Cornide Saavedra, na Coruña, e no CEIP Juana de Vega, en Oleiros. Ata ambos os centros desprázanse a zoqueira Elena Ferro e o artesán Xosé Manuel Sanín, que ofrecerán demostracións prácticas para amosarlles aos nenos e nenas como se traballa nestes oficios e cal é o seu valor cultural e profesional.

O proxecto 'Artesanía na Escola' botou a andar en 2023 co obxectivo de divulgar os oficios artesanais entre os máis pequenos e presentar a artesanía tamén como unha posible saída laboral de futuro. A proposta busca, ademais, poñer en valor o produto feito á man, reivindicar o papel das persoas artesás como transmisoras de coñecemento e fomentar valores ligados ao consumo responsable, á produción local e sostible e á economía circular.

Elena Ferro protagoniza a unidade didáctica 'Eu son zoqueira', centrada no oficio dos zoqueiros. Responsable do taller Eferro, en Merza, Vila de Cruces, representa a continuidade dun obradoiro familiar activo desde 1915 e recoñecido co Premio Nacional de Artesanía en 2019. O seu traballo contribuíu a renovar a imaxe do zoco tradicional, converténdoo nun complemento contemporáneo sen perder a súa esencia ligada á tradición rural.

Pola súa banda, Xosé Manuel Salvado Sanín é a figura central de 'Eu son artesán de percusión tradicional', a segunda unidade didáctica do programa. Desde o seu obradoiro Sanín Percusión Tradicional, en Santiago de Compostela, dá a coñecer a historia e o proceso de elaboración da pandeireta, un dos instrumentos máis representativos da música popular galega.

A Fundación Artesanía de Galicia traballa xa nunha terceira unidade, 'Eu son artesán de figuras de pan', dedicada aos sanandresiños de Santo André de Teixido. Con esta liña de acción, a Xunta busca non só preservar saberes tradicionais, senón tamén contribuír ao relevo xeracional dun sector que forma parte da identidade cultural e económica de Galicia.

0.12153506278992