A Área Sanitaria organiza un taller na Coruña sobre o coidado de persoas con demencia
O Servizo de Traballo Social da área Sanitaria da Coruña-Cee organiza un ciclo de talleres dirixidos a persoas coidadoras de pacientes con demencia. Xa que ten entre os seus obxectivos fomentar a participación activa da poboación no coidado da saúde, e para iso promove alianzas coas entidades sociais comunitarias e os centros de saúde de Atención Primaria, como é neste caso a Asociación AFACO, para poñer en marcha un ciclo de talleres dirixido a persoas coidadoras como alicerce fundamental do coidado deste tipo de pacientes.
Trátase dunha actividade de aprendizaxe participativa sobre o coidado saudable, tendo en conta as expectativas e experiencias das propias persoas asistentes. Deste xeito, preténdese unha formación e adestramento en habilidades relacionadas co bo coidado, o coidado compatible co autocoidado, e o como desaprehender hábitos e crenzas que actúan negativamente ou se vivencian con sentimentos de malestar.
Neste sentido, as sesións dan comezo hoxe luns 6 de maio cunha charla que permitirá profundar e reflexionar sobre a enfermidade de Alzheimer e o impacto na persoa e a familia, a cargo de Elena Viqueira, directora técnica de AFACO. O vindeiro día 10, a psicóloga de AFACO Elena Junquera, levará a cabo un taller sobre fomento de habilidades das persoas coidadoras e recursos terapéuticos. O día 13, a socióloga Ana Díaz falará sobre a importancia da sociedade do coidado e o fomento da participación da comunidade. O día 15, a responsable do servizo de Traballo Social da Área Sanitaria da Coruña e Cee, Luz Campello, abordará os dereitos sociais e da saúde, planificación anticipada de decisións e medidas xurídicas de apoio. O ciclo pecharase o día 20 cunha charla sobre o impacto de coidado prolongado, a cargo de Ana Díaz.
Nas sesións, conducidas por profesionais especialistas nas diferentes áreas, fomentarase a participación e o diálogo, co fin de coñecer e poñer en valor o seu traballo como persoas coidadoras e as experiencias ligadas ao seu labor. Así mesmo, as persoas participantes serán as protagonistas, podendo aproveitar para expor todas aquelas cuestións que lles inquietan e expoñer as súas principais demandas. Este conxunto de accións, ás que se pretende dar continuidade no futuro, realízanse en colaboración co Centro de Saúde de Elviña, onde se celebrarán as sesións formativas.
Dado que o aforo é limitado, todas aquelas persoas interesadas en asistir deberán inscribirse previamente na páxina web da Axencia do Coñecemento en Saúde (ACIS), ou directamente no centro de saúde.