A Área Sanitaria da Coruña e Cee dá un novo paso en materia de seguridade e prevención

ACoruñaXa
Adoptan dez medidas de aplicación inmediata para xestionar situacións de violencia e agresións
Imaxe do CHUAC
21 Feb 2025

A Área Sanitaria da Coruña e Cee mostrou a súa satisfacción pola boa evolución dos compañeiros que sufriron unha agresión o pasado 3 de febreiro no servizo de urxencias do Hospital A Coruña. Trala reunión mantida hai dúas semanas entre a Dirección da Área Sanitaria, a comisión de Centro e os Xefes de Servizo de Urxencias, Saúde Mental, Orde Interno e Seguridade, adoptáronse dez medidas de aplicación inmediata para mellorar a seguridade e xestionar situacións de violencia e agresións nos diferentes departamentos do Complexo Hospitalario Universitario da Coruña e outros dispositivos asistenciais da Área.

A maior parte das medidas xa están rematadas ou en fase de execución, e foron presentadas ao comité de seguridade e saúde este martes. O comité solicitou un tempo adicional para estudar as propostas antes de súa implementación final.

Un dos principais cambios implementados foi o incremento dos efectivos de seguridade no servizo de urxencias, que contará con presenza adicional de 12.00 a 00.00 horas, un horario clave pola maior afluencia de pacientes. Este reforzo sitúa ao Hospital A Coruña por riba doutros grandes hospitais do país en termos de seguridade no servizo de urxencias.

A Área Sanitaria tamén anunciou a formación de grupos de traballo tanto en atención primaria como hospitalaria para revisar e actualizar os protocolos asistenciais, coordinados polos responsables dos servizos implicados. O grupo encargado da análise de causa-raíz (ACR) está á espera de presentar o informe final a próxima semana.

Ademais, xa se comezou a planificación para estender o uso do botón de pánico (ACUDE), que será presentado aos xefes de servizo de urxencias e saúde mental, e a súa implementación está prevista para os próximos días.

Na reunión mantida coa Fiscalía Xeral de Galicia, acordouse que todos os episodios de violencia sufridos polos profesionais serán comunicados á Fiscalía, con independencia de que se presente ou non denuncia, para tomar medidas legais oportunas. Tamén se puxo en marcha un circuito de atención psicolóxica para os profesionais afectados, en colaboración co equipo de atención ao trauma do servizo de saúde mental.

No ámbito da saúde mental, destaca a apertura dunha nova unidade no Hospital Marítimo de Oza, que contará con 14 camas adicionais, xunto coas 34 xa existentes, o que supón un aumento do 40% na capacidade de atención. Esta unidade estará dotada de espazos adaptados ás necesidades da hospitalización psiquiátrica, garantindo a seguridade e o confort dos pacientes.

As medidas tamén contemplan a redución do tempo de estancia e o número de pacientes de psiquiatría no servizo de urxencias, mediante derivacións a outros centros e á unidade de saúde mental do hospital, mellorando a axilidade no proceso de ingresos.

A Área Sanitaria está en contacto con a Policía para comezar a formación en xestión de situacións de violencia, e traballa de xeito regular con foros formativos para o persoal do Hospital. Por último, se continúa traballando na análise e revisión das propostas recibidas desde diversos ámbitos, co obxectivo de mellorar a atención e a seguridade, implicando a todas as partes: administracións, profesionais e organizacións sindicais.

0.15083408355713