A Área Sanitaria da Coruña e Cee conmemora a Xornada Mundial da Hixiene de Mans

A Área Sanitaria da Coruña e Cee celebrou a Xornada Mundial da Hixiene de Mans, no marco das actividades impulsadas pola Organización Mundial da Saúde (OMS) e o SERGAS para fomentar a seguridade do paciente. Baixo o lema deste ano, “Luvas cando esté indicado”, a iniciativa busca reforzar o papel esencial da hixiene de mans na prevención das infeccións relacionadas coa atención sanitaria (IRAS).
"As infeccións relacionadas coa atención sanitaria (IRAS) teñen un impacto, non só sobre o paciente, senón tamén económico, tanto pola prolongación da estancia como polo tratamento antibiótico que recibe, sen esquecer tamén a repercusión que ocasiona nos familiares", subliñan os organizadores da xornada. En España, segundo o Estudo Nacional de Eventos Adversos (ENEAS), as IRAS representan o 25 % dos efectos adversos derivados da estancia hospitalaria, e estímase que o 50 % poderían ser evitables.
"Coñecendo que o principal mecanismo de transmisión dos xermes son as mans do persoal, non cabe dúbida de que a hixiene de mans é a principal medida preventiva, ademais de barata e sinxela, para evitar a adquisición destas infeccións", apuntan dende o ámbito sanitario. Porén, tamén recoñecen a "baixa adherencia do persoal sanitario á hixiene de mans", o que motivou accións específicas neste día.
Durante a xornada, entregáronse solucións hidroalcohólicas de peto a todos os profesionais, para facilitar a práctica da hixiene de mans en calquera momento, sen depender de auga e xabón. Tamén se distribuíron folletos explicativos coas indicacións e técnicas correctas para garantir unha limpeza eficaz.
"A hixiene das mans é unha das maneiras máis eficaces e económicas de previr mortes innecesarias. Esta práctica hixiénica reduce en máis dun 40 % o número de mortes debidas á diarrea e nun 25 % o número de casos en infeccións agudas das vías respiratorias", recordan desde a organización, que destaca que se trata dun hábito xa arraigado en moitas persoas dende a infancia.
Así e todo, insisten en que esta acción cobra especial relevancia en períodos como o verán, onde aumenta o risco de enfermidades por vía alimentaria. "As nosas mans son o contacto co exterior, e por esa mesma razón, son as que levan contaminantes ao noso interior. Un xesto tan simple como lavarse as mans con auga e xabón pode ser a clave para a supervivencia de millóns de persoas".
Para alcanzar este obxectivo, sinalan que é imprescindible o compromiso non só do persoal sanitario, senón tamén dos equipos directivos dos centros sanitarios. Un compromiso que, aseguran, "foi máis que alcanzado desde a creación do Grupo de Mellora de Hixiene de Mans no ano 2009", mediante accións como a localización de solucións de base alcohólica nos puntos de atención e a formación continua do persoal.