A Área Sanitaria da Coruña avanza nas medidas de prevención de agresións do persoal sanitario

A seguridade dos profesionais sanitarios e a prevención das agresións continúa sendo un desafío para os sistemas sanitarios, e a Área Sanitaria de A Coruña e Cee non é unha excepción. Segundo trasladan, aínda que as incidencias nesta área son sensiblemente inferiores á media estatal, trabállase de xeito continuo en medidas de prevención, que involucran a todos os sectores: pacientes, profesionais, xestores e organizacións sindicais.
O investimento en seguridade privada, que supón catro millóns de euros anuais, tamén é fundamental, pero, segundo a área sanitaria, é necesario ir máis alá, fomentando medidas disuasorias e garantindo a formación de todos os implicados.
Unha das principais liñas de actuación foi o reforzo dos efectivos de seguridade no servizo de urxencias do CHUAC. A partir de agora, contará cunha segunda presenza de 12.00 a 00.00 horas, un tramo horario clave debido á alta afluencia de pacientes. Este aumento de efectivos coloca ao CHUAC entre os hospitais mellor dotados en termos de seguridade, por encima de hospitais de tamaño semellante como o Doce de Outubro ou o Ramón y Cajal.
Na mesma liña, creáronse dous grupos de traballo multidisciplinares para revisar e actualizar os protocolos de manexo de pacientes agitados en atención primaria e urxencias. Estes protocolos foron recentemente actualizados e están dispoñibles na intranet da Área Sanitaria.
A Área Sanitaria tamén finalizou o proceso de análise causa-raíz (ACR), onde se identificaron medidas barreira e medidas de mellora. As conclusións foron presentadas no comité de Seguridade e Saúde, e continuase avanzando na implementación de medidas de apoio, como o procedemento de apoio psicolóxico para as persoas que sufriran agresións ou que sintan temor ou incerteza respecto a posibles situacións de violencia.
Outro aspecto destacado foron as novas implementacións tecnolóxicas como o botón de pánico (ACODE), que xa se estendeu a servizos de saúde mental e urxencias do Teresa Herrera e do Hospital de Cee. Tamén se remiten á fiscalía todas as incidencias, en busca de colaboración e medidas que poidan axudar a paliar este problema.
No ámbito das infraestruturas, avanzan as obras para a nova unidade de saúde mental no Hospital Marítimo de Oza, que contará con 14 camas adicionais, incrementando a capacidade en un 40 %. A unidade disporá de áreas de atención médica, enfermería e espazos terapéuticos que garantirán a seguridade e o confort dos pacientes.
As autoridades tamén destacaron o importante traballo de formación levada a cabo coas forzas de seguridade, coa planificación de futuras actividades formativas, así como a colaboración entre administracións, profesionais e organizacións sindicais para mellorar a seguridade e a prevención de agresións.
Inciden dende a Área en que, a pesar de que a comunidade sanitaria de Galicia é das menos afectadas por agresións no ámbito estatal, con só 32 incidentes rexistrados en 2024, a concienciación entre os profesionais sanitarios sobre a importancia de denunciar e asumir unha política de "tolerancia cero" ante a violencia é cada vez maior.
As medidas adoptadas, tanto no ámbito de seguridade como de apoio ás vítimas de agresións, son un paso importante para garantir un entorno de traballo seguro para os profesionais e mellorar a calidade da atención sanitaria na área da Coruña.