A área sanitaria adxudica 22 prazas de médicos de urxencias

ACoruñaXa
Os centros de saúde do Castrillón, de Perillo e o PAC de Carballo incorporan tres médicos de atención primaria
Centro de salud del Castrillón Coruña
5 Feb 2024

A Área Sanitaria da Coruña e Cee adxudicou 22 nomeamentos de interinidade en praza vacante na categoría de Médico de Urxencias Hospitalarias. Destes nomeamentos, que teñen como data de inicio o 1 de febreiro de 2024, 16 corresponden ao Complexo Hospitalario Universitario da Coruña (Chuac) e 6 ao Hospital Público de Cee (Virxe da Xunqueira).

A finalidade destes nomeamentos é a estabilización de emprego, así como dar cumprimento á redución de xornada acordada no seo da Mesa Sectorial de Sanidade.

Médicos de Atención Primaria

Por outra banda, tres profesionais de Atención Primaria da Área asinan a súa toma de posesión na Área Sanitaria da Coruña e Cee tralo seu proceso de estabilización. Así, o Diario Oficial de Galicia publicaba o pasado dia 29 de xaneiro unha Resolución da Dirección Xeral de Recursos Humanos do Sergas, pola que se procedía ó nomeamento como persoal estatutario fixo e á adxudicación de destino definitivo ós aspirantes seleccionados no proceso selectivo de estabilización, polo sistema de concurso de méritos, para o ingreso na categoría de médico de familia de atención primaria.

Como reflicte o Diario Oficial de Galicia, un dos profesionais toma posesión no centro de saúde do Castrillón, outro no centro de saúde de Perillo, e un terceiro no PAC de Carballo.

Os destinos adxudicados son tanto en postos de médicos de centros de saúde como de Puntos de Atención Continuada para urxencias extrahospitalarias (PAC), na categoría de médico de familia de atención primaria, e foron convocados dentro do proceso de estabilización, no ano 2023.

 

0.12788605690002