A área recreativa de Herbales do Río, en Chamín, será renovada polo Concello de Arteixo

O Concello de Arteixo vén de adxudicar á empresa Xardinaría Arce a reforma integral da área recreativa de Herbales do Río, situada en Chamín. A intervención, cun orzamento de 474.184,88 euros, desenvolverase ao longo de dez meses.
A proposta, licitada o pasado mes de xuño, foi revisada respecto ao plan inicial co obxectivo de adaptar as sendas peonís á topografía do terreo e engadir ramplas que garantan a accesibilidade universal.
Entre as actuacións previstas figuran o mantemento do estanque e a limpeza das marxes do regato, a concentración dos xogos infantís nun punto accesible, así como a renovación do peche e da sinalización da pista deportiva existente.
Tamén está prevista a creación dun aparcadoiro en batería con 31 prazas para vehículos lixeiros, unha praza adaptada, cinco para motos, dúas para autocaravanas e vinte para bicicletas. En Os Velchos habilitaranse ademais nove prazas adicionais.
O proxecto inclúe a restauración do lavadoiro e da fonte de Os Velchos, a construción de novas beirarrúas de acceso e a instalación dunha zona de merendeiro con mesa adaptada para persoas con mobilidade reducida.