A antiga sede da Policía Local encara a recta final para abrir como novo foco turístico e cultural

O Concello de Betanzos puxo en marcha a derradeira etapa das obras de recuperación do edificio que ocupaba a antiga sede da Policía Local, coa previsión de que as instalacións poidan abrir as portas antes do próximo verán. A alcaldesa, María Barral, visitou o inmoble e mantivo unha xuntanza cos técnicos da dirección de obra e coa empresa adxudicataria para facer seguimento do avance dos traballos.
Co interior xa baleirado, a actuación permite intuír a distribución definitiva do complexo. Na entrada situarase a nova oficina municipal de Turismo, que ocupará a planta de acceso. A planta superior habilitarase como un espazo diáfano para actividades de promoción turística, cun acceso garantido mediante ascensor.
O segundo edificio do conxunto reservarase para a exposición permanente sobre o antigo Reino de Galicia, un proxecto promovido pola Deputación da Coruña coa intención de divulgar a historia e a identidade de Galicia a través dunha instalación museográfica estable. O acordo entre ambas institucións fixa que o Concello executa as obras e cede o espazo, mentres que a Deputación asumirá a contratación do deseño museográfico adaptado ao inmoble. O futuro equipamento está chamado a converterse no primeiro centro de interpretación dedicado a esta etapa histórica.
A rexedora sinalou que a iniciativa aspira a ser ‘a exposición ou centro museístico permanente máis importante de Galicia sobre o antigo Reino de Galicia’ e a actuar como novo atractivo para o casco histórico. Entre as dúas edificacións, o proxecto inclúe tamén un patio central con gradas e un pequeno escenario, pensado para acoller actividades vinculadas ao ámbito museístico e turístico.
Barral lembrou, ademais, que esta intervención se integra no plan municipal de recuperación do patrimonio, no que se enmarcan actuacións en espazos singulares como o Parque do Pasatempo, As Donas e o Mercado Municipal.