A ANPA do IES de Curtis convoca unha concentración para pedir máis apoios educativos e melloras no transporte escolar

A Asociación de Nais e Pais do IES de Curtis convoca para o 27 de outubro, ás 17.45 h, unha concentración diante do instituto para reclamar máis recursos de apoio á diversidade dentro das aulas e solucións estábeis no servizo de transporte escolar.
As familias explican que levan semanas trasladando á Consellería de Educación a necesidade de reforzar o persoal de apoio para atender correctamente todo o alumnado e lembran que, a día de hoxe, aínda hai necesidades específicas sen cubrir. A ANPA subliña que garantir estes apoios é clave ‘para o bo desenvolvemento educativo de todo o grupo’.
Ao mesmo tempo, a asociación insiste en que o transporte escolar continúa a ser un punto sensible, sobre todo para o estudantado de Bacharelato e Formación Profesional, e pide que se estabilicen as solucións que se veñen aplicando de maneira provisional.
Pola súa parte, o Concello de Curtis, gobernado polo Partido Popular, manifestou publicamente que comparte as preocupacións das familias tanto no relativo aos apoios educativos como no transporte. O goberno local lembra que xa puxo en coñecemento da Xunta de Galicia o incremento de alumnado no municipio e a necesidade de adaptar os servizos, e sinala que mantén contacto co IES de Curtis e coa Dirección Territorial de Mobilidade. Segundo o Concello, a Administración autonómica comprometeu a creación dunha nova liña de transporte entre Curtis e Teixeiro, ao tempo que se están aplicando medidas temporais para garantir que o alumnado de ESO, Bacharelato e FP poida acudir ás clases con normalidade.
En canto á mobilización, esta conta co apoio de distintas forzas políticas e institucionais, ademáis do respaldo do goberno local. O PSdeG-PSOE confirmou a presenza esta tarde da deputada autonómica Silvia Longueira, que trasladará o respaldo do grupo ás peticións da comunidade educativa en materia de atención á diversidade. O BNG de Curtis tamén comunicou o seu apoio á convocatoria da ANPA.
As familias indican que o obxectivo da concentración é visibilizar estas necesidades e solicitar unha resposta coordinada que dea estabilidade ao funcionamento diario do centro.