A ANPA do CEIP Valle Inclán de Oleiros denuncia a falta de profesorado e valora novas mobilizacións

A ANPA Valle Inclán do CEIP Ramón María del Valle Inclán (Oleiros) trasladou ás familias que continúa a reclamar solucións ante o que cualifica como 'grave falta de profesorado' e o impacto que, segundo afirma, está a ter na calidade do ensino no centro. A entidade lembra que na xuntanza do 16 de outubro entre o alcalde de Oleiros, a concelleira de Ensino e representantes de varias ANPAs púxose enriba da mesa a posibilidade de convocar mobilizacións simultáneas nos colexios do municipio, co apoio de claustros e alumnado.
Porén, no consello escolar celebrado o pasado 29 de outubro, o Equipo Directivo comunicou que o claustro de mestres e mestras do CEIP non participará nesas protestas. O motivo, segundo a ANPA, é a existencia desde o inicio de curso dunha orde da Consellería que insta á neutralidade ideolóxica nos centros. A asociación sinala que o profesorado tampouco propuxo unha alternativa de mobilización que o inclúa e que se insta as familias e ao alumnado a continuar coas concentracións no exterior.
A ANPA mantén que non renuncia a un ensino público de calidade e asegura que está a deseñar novas accións reivindicativas. Tamén indica que, a día de hoxe, non recibiu resposta por escrito ás solicitudes cursadas ante a Inspección Educativa e a Dirección Xeral da Consellería. Ademais, permanece á espera da contestación do Goberno galego ás preguntas rexistradas no Parlamento polo BNG sobre a situación no CEIP Valle Inclán.