A ANPA do CEIP ADR Castelao organiza unha Campa de Entroido en Ordes os días 16 e 18 de febreiro

Ordes acollerá os días 16 e 18 de febreiro de 2026 a Campa de Entroido no CEIP ADR Castelao, unha proposta pensada para que os nenos e nenas gocen dun Entroido cheo de actividades nun ambiente festivo. A iniciativa está organizada pola ANPA, en colaboración coa A.D.C. As Mariñas.
Durante as dúas xornadas programadas, as familias atoparán unha oferta lúdica con obradoiros, espazos para disfraces, música, xogos e pintacaras, co obxectivo de dinamizar as vacacións escolares e ofrecer unha alternativa de conciliación.
A participación require inscrición obrigatoria a través dun formulario en liña. En canto a horarios e tarifas, establécense distintas modalidades: o servizo de madrugadores (de 8.00 a 9.00) custa 2 euros/día; o comedor (de 14.00 a 15.00) tamén ten un prezo de 2 euros/día. Para a asistencia dun día solto (de 9.00 a 14.00) a cota para persoas socias é de 7 euros, mentres que a opción de campa completa (dous días de 9.00 a 14.00) ten un custo de 13 euros.
Para máis información, a organización facilita o teléfono 614 911 051 e o correo uxia.asmarinhas@gmail.com.