A ANPA Ana Lastra López lanza a Campa de Nadal 2025/26 no CEIP Vicente Otero Valcárcel


A ANPA Ana Lastra López impulsa, en colaboración coa Asociación Deportiva As Mariñas, unha nova edición da 'Campa de Nadal' que se desenvolverá nas instalacións do CEIP Plurilingüe Vicente Otero Valcárcel durante as vacacións de inverno 2025/26. Trátase dunha iniciativa propia da asociación de nais e pais, que non forma parte das actividades de Nadal organizadas polo Concello de Carral, co obxectivo de evitar calquera confusión entre ambas propostas.
O campamento está dirixido ao alumnado de Educación Infantil e Primaria, aínda que poderá participar calquera neno ou nena da contorna aínda que non estea matriculado no centro. A actividade cubrirá nove días: luns 22, martes 23, mércores 24, venres 26, luns 29 e martes 30 de decembro de 2025; e venres 2, luns 5 e mércores 7 de xaneiro de 2026.
O horario da Campa será de 9.00 a 14.00 horas, franxa na que se desenvolverán as accións principais. Ademais, ofrécese un servizo de madrugadores entre as 8.00 e as 9.00 horas para aquelas familias que precisen deixar antes aos seus fillos e fillas. Neste período, a rapazada poderá levar o almorzo nun tupper.
A programación inclúe obradoiros de manualidades, elaboración de doces de Nadal, xogos populares, panxoliñas, festa de pre-fin de ano, sesións de pintacaras e tatuaxes, visita máxica e a preparación das cartas de Nadal, entre outras actividades pensadas para que os máis pequenos aproveiten o tempo de lecer dun xeito divertido e educativo.
No relativo ás cotas, para familias socias da ANPA o día solto ten un prezo de 7 euros, mentres que o campamento completo supón 55 euros. O servizo de madrugadores ten un custo adicional de 2 euros ao día. Para as familias non socias, a asistencia por día solto é de 10 euros, o programa completo ascende a 80 euros e o servizo de madrugadores mantense en 2 euros diarios. O prezo inclúe seguro de accidentes e responsabilidade civil.
A inscrición permanecerá aberta ata esgotar as prazas dispoñibles. Para que o campamento se leve a cabo é necesario acadar un mínimo de 10 participantes. A organización advirte de que se non se chega a ese número o campamento non se realizará, prestando especial atención ás datas do 24 e do 30 de decembro, que poderían cancelarse se non se alcanza o mínimo marcado.
A confirmación da praza farase efectiva no momento en que as familias sexan incorporadas ao grupo de WhatsApp informativo da actividade. O pagamento das cotas realizarase mediante domiciliación bancaria.