A andaina e a carreira do 8M reúnen a 150 mulleres en Oza-Cesuras

ACoruñaXa
Organizadas por Asaltamontes Female coa colaboración do Concello de Oza-Cesuras, reuniron a 150 mulleres nun encontro pensado para facer comunidade e reivindicar a forza feminina a través da actividade física
OZA-CESURAS andaina 8m 2026
9 Mar 2026

Oza-Cesuras converteuse este 8 de marzo nun dos puntos de encontro do deporte feminino coa celebración dunha carreira e andaina promovida por Asaltamontes Female en colaboración co Concello. A cita, enmarcada na conmemoración do Día Internacional da Muller, reuniu a 150 participantes nunha xornada marcada polo compañeirismo, a convivencia e a reivindicación da igualdade.

A proposta formou parte do 'Women’s Day' impulsado por Asaltamontes Female, unha iniciativa que este ano chamou a mulleres de máis de 40 cidades e 10 países a saír xuntas á montaña para compartir trail running e sendeirismo nun formato aberto a todos os niveis. A filosofía do encontro pon o acento en desfrutar, crear comunidade e abrir espazos seguros para a práctica deportiva feminina.

No caso de Oza-Cesuras, a convocatoria establecía un límite de 150 prazas, con saída loxística desde o Concello e desprazamento ata Bandoxa, punto de partida da actividade. A resposta confirmou o tirón dunha iniciativa que uniu exercicio, convivencia e visibilidade nunha data de forte simbolismo.

Desde o Concello destacouse o éxito da xornada e o valor de seguir promovendo accións que reforcen os lazos entre as participantes e fagan da igualdade unha celebración compartida tamén desde o deporte.

0.11660599708557