A ampliación do CEIP Sada y sus Contornos dá un paso clave coa expropiación de 1.131 m² de solo educativo

O Goberno local de Sada levará ao Pleno deste xoves a aprobación inicial do expediente de expropiación que permitirá dispoñer dos terreos necesarios para a ampliación do CEIP Sada y sus Contornos. Trátase dunha operación prevista no PXOM, coa que o Concello aspira a incorporar 1.131 metros cadrados ao sistema xeral educativo e avanzar cara a unha obra que a comunidade educativa leva anos reclamando como urxente.
Segundo a información facilitada polo Executivo municipal, o expediente entra agora nunha fase decisiva: coa aprobación inicial abrirase un período de información pública dun mes para que as persoas afectadas poidan presentar alegacións. A valoración total da expropiación ascende a 219.866,72 euros.
O alcalde, Benito Portela, presentou o movemento como un fito para desbloquear unha demanda histórica. 'Estamos ante un paso clave para facer realidade unha demanda da comunidade educativa', sinalou, ao tempo que defendeu que a ampliación do colexio é unha prioridade do mandato.
Unha carreira de fondo con varios capítulos
A ampliación do CEIP arrastra un percorrido longo. O PXOM de Sada xa recolle a reserva de solo para esta dotación educativa, pero a materialización foi encallando entre trámites e discusión política.
En decembro de 2024, o Pleno aprobara por unanimidade habilitar recursos para iniciar os trámites de expropiación dos terreos lindeiros ao centro, nun acordo que se interpretou como un punto de inflexión para empezar a mover o expediente.
Xa en 2025, o Goberno local insistía en que o procedemento seguía avanzando e lembraba que, unha vez dispoñible o solo, a execución da ampliación corresponde á Xunta de Galicia, ao tratarse dunha infraestrutura educativa pública.