A alcaldesa de Cambre decidiu abandonar a visita do presidente da Deputación

ACoruñaXa
A rexedora tomou a decisión por consideralo un acto de partido e non institucional
cambre-dep
20 Mar 2025

A alcaldesa de Cambre, María Pan, abandonou a visita que o presidente da Deputación da Coruña realizou ao municipio. Segundo explicou, tomou esta decisión ao considerar que o encontro tiña un carácter partidista e non institucional. "Foi máis un encontro de partido que unha visita institucional para comprobar o avance dunhas obras promovidas polo goberno de Unión x Cambre e pola Asociación de Veciños de Cela", declarou a rexedora.

Pan explicou que, tras coñecer que o presidente provincial se desprazaría a Cambre para supervisar as actuacións de A Patiña, o Concello solicitou que puidesen asistir os concelleiros e concelleiras do goberno, unha petición que foi rexeitada. "Cando chegamos ao lugar, a nosa sorpresa foi atopar tres dos catro edís do PSOE de Cambre e representantes do partido a nivel provincial, algo que consideramos un agravio respecto do resto de grupos da corporación, no que nós, desde logo, non imos participar", engadiu.

A alcaldesa lamentou que o presidente da Deputación, "un alcalde coma min", convertese a visita nun acto político. "Para min, é unha falta de respecto cara ao Concello de Cambre e cara á súa máxima representante, que é a alcaldesa", afirmou.

Pan Lesta aproveitou a ocasión para entregarlle ao presidente provincial un documento cunha serie de demandas en materia de seguridade viaria e xestión administrativa que dependen da Deputación. No escrito inclúense cuestións que afectan directamente aos veciños e veciñas de Cambre e que o Concello considera prioritarias. A rexedora tamén recordou que desde a súa chegada á Alcaldía solicitou ata en catro ocasións unha reunión coa Deputación —o 29 de abril, o 10 de xullo, o 10 de decembro e o 24 de xaneiro— sen obter resposta.

Sobre o proxecto de A Patiña, a alcaldesa destacou que se trata dunha actuación clave para dar resposta a unha demanda histórica da Asociación de Veciños de Cela e para reforzar a seguridade viaria. Con todo, o concelleiro de Urbanismo e Obras, Juan González Leirós, sinalou que a intervención inicial contemplaba máis medidas, como a creación dun espazo de estacionamento para ata 30 vehículos, que finalmente a Deputación decidiu non levar a cabo.

Ademais, a alcaldesa tiña previsto trasladar ao presidente provincial a necesidade de construír unha rotonda no cruzamento cara a Brexo-Lema e Pravio, unha actuación proposta en 2020 e 2022 como parte dun convenio entre o Concello, a Deputación e a Xunta de Galicia. Outra das demandas expostas foi a execución de pasos de peóns na DP-1702, especialmente na contorna do IES David Buján e Castrobo, onde tamén se propuxo instalar un semáforo para mellorar a seguridade viaria.

Propostas administrativas para mellorar a xestión municipal

A rexedora tamén quixo trasladar á Deputación diversas iniciativas para aliviar a carga de traballo dos departamentos municipais. Unha delas é a reapertura das listas de interinos, o que permitiría ao Concello cubrir prazas vacantes temporalmente e mellorar a xestión do persoal.

Outra das peticións clave é a posibilidade de que o Concello poida utilizar a plataforma Subtel para axilizar a tramitación das axudas ás asociacións veciñais, culturais e deportivas. Segundo Pan, esta medida simplificaría o proceso de solicitude, reduciría a carga administrativa e permitiría acelerar os prazos de resolución e pagamento das subvencións.

Por último, a alcaldesa tamén quería solicitar a dispoñibilidade de modelos de pregos para a contratación de servizos, subministracións e obras, co obxectivo de facilitar a xestión e axilizar os procesos administrativos no Concello.

REUNIÓN COA DELEGADA DA XUNTA

A rexedora, María Pan, tamén mantivo un encontro coa delegada da Xunta, Belén do Campo, coa que abordou diferentes temas de interese para este municipio. A alcaldesa expuxo temas no eido educativo nos que a delegada lle trasladou a máxima colaboración entre administracións respectando as competencias correspondentes a cada unha.

⚙ Configurar cookies
1.0539529323578