A alcaldesa de Cambre critica a “arbitrariedade” de PP, PSOE e BNG para o pago das facturas

A alcaldesa de Cambre, María Pan, lamenta "a dobre vara de medir e a arbitrariedade amosada no pleno de hoxe polo PP, PSOE e BNG". Así o manifestou tras a negativa destes grupos á aprobación do recoñecemento extraxudicial de crédito por un importe de 161.171,27 euros, amparándose nos informes en contra das habilitadas nacionais. Con todo, a abstención de PSOE e BNG permitiu aprobar os expedientes de liquidación de Augaservi e EMSO, a pesar dos informes tamén desfavorables das altas funcionarias.
A rexedora celebrou que saísen adiante os expedientes de liquidación, que permitirán o pago de preto de medio millón de euros a estas compañías, pero cuestionou a postura dos grupos municipais: "Á vista do resultado, pregúntome por que aos ollos destes partidos unhas empresas merecen cobrar e outras non". Advertiu que a votación impide que 13 empresas, entre elas Légamo, Manu Sports Cambre e Romersán, poidan recibir os pagos pendentes. "Ao tratarse de facturas de exercicios anteriores, o REC é a única vía para proceder ao seu pagamento", lembrou María Pan.
Traslada que a aprobación da liquidación de Augaservi e EMSO pon fin ao proceso de revisión de oficio iniciado por ela ao chegar á Alcaldía, seguindo as recomendacións da habilitada de Intervención, e permitirá o pago de 499.607,76 euros a ambas compañías.
A proposta de EMSO foi aprobada cos votos a favor de Unión x Cambre e Alternativa dos Veciños e coa abstención do resto de grupos (PP, PSOE, BNG e a concelleira non adscrita). No caso de Augaservi, contou co voto favorable de Unión x Cambre e Alternativa dos Veciños, o voto en contra do PP e a abstención do PSOE, BNG e da concelleira non adscrita.
REFORZO DE PERSOAL REXEITADO
Sinala desde o Concello de Cambre que outro dos puntos rexeitados pola maioría absoluta do pleno (PP, PSOE e BNG) foi a modificación da Relación de Postos de Traballo (RPT), que buscaba reforzar as áreas de Secretaría, Intervención, Cultura, Deportes e Xuventude con tres novos técnicos superiores A1.
María Pan criticou a decisión e sinalou que Cambre perdeu "unha oportunidade única para contar con máis persoal capaz de realizar tarefas de xestión, estudo e propostas de carácter administrativo de nivel superior". Así mesmo, tachou de "incomprensible" que os mesmos concelleiros que reclaman máis axilidade no pago de facturas e na regularización de contratos "sexan tamén os que impiden contar co persoal necesario para levar a cabo estas tarefas".
A alcaldesa comprometeuse a levar de novo a RPT a pleno, pero advertiu: "Se este punto vén cos informes en contra, que van votar? Van pensar no mellor para os veciños e veciñas? Terán a suficiente valentía política para sacar adiante a proposta?".
O pleno aprobou tamén unha moción conxunta presentada por PP, PSOE e BNG solicitando a anulación do pacto de 1996 en relación coa Policía Local. A alcaldesa defendeu que "desde o goberno entendemos que este pacto non está en vigor, posto que a Relación de Postos de Traballo é posterior ao mesmo".