A alcaldesa da Coruña impulsa unha mesa de traballo para conciliar hostalería e veciñanza

A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, presidiu a primeira mesa de traballo co sector hostaleiro e entidades veciñais para buscar puntos de encontro que favorezan a convivencia. Segundo explicou, o obxectivo é garantir que os hostaleiros poidan desenvolver a súa actividade con seguridade xurídica, ao tempo que se respecte o descanso da cidadanía.
A rexedora estivo acompañada por membros do seu equipo de goberno, entre eles Yoya Neira (Medio Ambiente e Distrito 1), Francisco Díaz Gallego (Urbanismo, Rehabilitación e Vivenda), Diana Cabanas (Emprego, Comercio e Mercados) e Montserrat Paz (Seguridade Cidadá), ademais dos directores de área dos diferentes departamentos municipais.
A xuntanza, celebrada no Palacio Municipal de María Pita, contou coa participación de diversas entidades veciñais, como a Federación de Asociacións de Veciños da Coruña, a Agrupación de Veciños Orzán-Pescaría, a Asociación de Veciños da Cidade Vella, a Asociación de Veciños A Marina - Zona Centro e a Asociación de Veciños As Atochas - Monte Alto - Torre de Hércules. En representación do sector hostaleiro, asistiron a Asociación de Empresarios de Hostalería, a Asociación en Defensa dos Dereitos da Hostalería e do Ocio Nocturno e Galicia de Noite, ademais de responsables de diferentes establecementos hostaleiros das zonas con maior actividade da cidade.
"Coa celebración deste primeiro encontro abrimos unha fase de diálogo que ten como finalidade a busca de consensos entre as partes", destacou Inés Rey. A alcaldesa propuxo a creación de mesas de traballo sectoriais para seguir avanzando e establecer prioridades e propostas de cada colectivo, co obxectivo de mellorar a convivencia na cidade.