A alcaldesa da Coruña destaca o compromiso municipal coa Fundación Ronsel no seu 25 aniversario

A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, participou no acto de celebración do 25 aniversario da Fundación Ronsel, unha entidade sen ánimo de lucro con sede e orixe na cidade que desenvolve a súa actividade nas catro provincias galegas, promovendo a empregabilidade, o emprendemento e a responsabilidade social, con especial atención á mocidade e ás persoas en situación de vulnerabilidade.
A rexedora estivo acompañada pola concelleira de Emprego, Comercio e Mercados, Diana Cabanas, nun evento no que tamén interviron o director xerente da fundación, Luis García, a responsable de Política Social da Deputación da Coruña, Mar García, e o secretario xeral de Emprego e Relacións Laborais, Pablo Fernández.
Durante a súa intervención, Inés Rey destacou o labor desenvolvido pola entidade ao longo destas dúas décadas e media: “Nestes 25 anos, a Fundación non só abriu camiños cara ao emprego e ao emprendemento; abriu portas que estaban pechadas para moita xente e axudou a transformar incertezas en oportunidades, ideas en negocios, medos en confianza”.
A alcaldesa reafirmou o compromiso do Concello por seguir colaborando coa Fundación Ronsel mediante un convenio nominativo que permite á organización levar a cabo o seu traballo na cidade, onde se atopa a súa sede.
Inés Rey aproveitou o acto para salientar tamén os avances en materia de emprego impulsados polo Goberno local, mencionando especificamente a posta en marcha do programa Éfeso, que formará a 700 persoas desempregadas, e a continuidade da iniciativa municipal Coruña Suma, que xa facilitou a inserción laboral de máis de 1.130 persoas.
“O futuro que queremos para A Coruña e para Galicia pasa por seguir impulsando proxectos coma este e por iso desde o Concello reafirmamos hoxe o noso compromiso para continuar colaborando con Ronsel, para seguir promovendo políticas que poñan ás persoas no centro, que xeren oportunidades reais e que constrúan unha cidade máis xusta, máis inclusiva e máis humana”, subliñou a alcaldesa durante a súa intervención.