A alcaldesa da Coruña despide aos 40 alumnos e alumnas que participan o próximo ano no programa das Bolsas USA
Este venres, a alcaldesa da Coruña, Inés Rey, presidiu o acto de despedida dos e das estudantes que participan no programa Bolsas USA no vindeiro curso 2024-2025. Un total de 40 mozos e mozas farán o equivalente a primeiro de bacharelato en diferentes cidades dos Estados Unidos. A rexedora estivo acompañado por Juan Ignacio Borrego, concelleiro de Educación, e Renata Rial, representante das persoas participantes.
“Este curso seredes os protagonistas dun programa educativo que hoxe forma parte xa do noso calendario educativo habitual pero que supuxo unha auténtica revolución na educación coruñesa”, sinalou Inés Rey durante a súa intervención. No salón de sesións de María Pita estiveron presentes as 40 persoas participantes no programa e 77 acompañantes e familiares, ademais de responsables do servizo de Educación do Concello da Coruña. A alcaldesa fíxolles entrega dun agasallo aos mozos e mozas.
As primeiras persoas participantes viaxarán o 27 de xullo e está previsto que todas se atopen no seu lugar de residencia durante o próximo curso no mes de agosto, en función do comezo das clases de cada high school ou estado. A súa volta á cidade será entre maio e xuño. “Gozade ao máximo deste primeiro ano de bacharelato, e non esquezades, ademais, que dende hoxe sodes embaixadores e embaixadoras da Coruña, a nosa cidade, por un ano”, díxolles Inés Rey aos e ás participantes.
O Concello da Coruña organiza o programa Bolsas USA desde o ano 2004, con case un milleiro de mozos e mozas participantes no seu conxunto. Cada persoa participantes recibe 120 euros ao mes durante 10 meses. Nesta edición hai nove participantes que, ademais, recibirán unha axuda de 400 euros para gastos de viaxe. O alumnado participante estará repartido en diferentes estados do país, en cidades de pequeno ou medio tamaño.