A alcaldesa da Coruña decreta a emerxencia sanitaria pola acumulación de lixo

ACoruñaXa
A declaración farase efectiva esta tarde, ás 15.41 horas, momento no que se cumplirán 72 horas desde que a concesionaria recolleu o requirimento
bolsas de basura
Imaxe de arquivo
22 Jul 2024

A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, anunciou esta mañá en rolda de prensa que a empresa concesionaria do servizo de recollida do lixo non corrixiu a crecente acumulación de lixo sen recoller nas rúas e, polo tanto, o Concello decretará a emerxencia sanitaria na cidade co obxectivo de que outra empresa se faga cargo da recollida ata normalizar a situación. A declaración farase efectiva esta tarde, ás 15.41 horas, momento no que se cumplirán 72 horas desde que a concesionaria recolleu o requirimento.

No momento de entrada en vigor do decreto o Concello iniciará un procedemento de contratación de emerxencia cunha empresa que se encargará de realizar actuacións de recollida e transporte dos residuos existentes nos puntos da cidade con notorio risco para a salubridade e seguridade cidadá. Estes puntos foron identificados polo servicio de medio ambiente e ratificados pola Consellería de Sanidade da Xunta de Galicia.

Para afrontar a situación a empresa que preste o servizo extraordinario deberá de dispoñer inicialmente, de 13 vehículos cunhas características determinadas e de 32 operarios para poder atender á limpeza nos puntos identificados. Dende que se publique o decreto darase un prazo ata ás 10.00 horas do día 24 ás empresas interesadas en prestar o servizo para presentar a súa oferta garantindo que teñen dispoñibilidade para iniciar o servizo de forma inmediata.

Unha vez seleccionada a empresa esta comezará a realizar o servizo de forma inmediata cunha duración indeterminada, ata que se considere que a situación volve a normalidade.

"Tamén quero anunciarlles que dende hoxe mesmo está constituída a Comisión de Seguimento da emerxencia, que presido eu mesma e está formada pola concelleira de Medio Ambiente, o concelleiro de Economía e a concelleira de Seguridade Cidadá para facer seguimento de forma diaria da emerxencia ao fin de ser o máis áxiles e transparentes posibles", apuntou Inés Rey, que lamentou de novo "as molestias ocasionadas a todos os veciños e confiamos que coa declaración de emerxencia podamos comezar a volver á normalidade".


Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 634

Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 635
0.18187379837036