A Afundación da Coruña acolle a mostra 'Xulio Gil. Retratos dun tempo da plástica galega'
A Sede Afundación A Coruña inaugurará este mércores 3 de abril, ás 19.00 h, a exposición 'Xulio Gil. Retratos dun tempo da plástica galega' realizada en colaboración coa Xunta de Galicia, a través da súa Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades.
Ao acto de inauguración acudirán coordinadora de Cultura de Afundación, María Teresa Cores; o director xeral de Cultura da Xunta de Galicia, Anxo Lorenzo; o comisario da exposición, Francisco Xabier Limia Gardón; e o autor das fotografías, Xulio Gil.
A exposición está conformada por retratos das grandes figuras contemporáneas das artes plásticas galegas. Tivo as súas orixes no ano 1988, cando, co gallo da mostra 'Antropolóxicas', promovida por Enrique Acuña no Museo de Pontevedra, e logo continuada a instancias de Antón Pulido para ilustrar con fotografías, a colección Artistas Galegos. Neste sentido, Xulio Gil asina máis dun cento de instantáneas que, desde o ano 1988 ata este mesmo 2023, percorren o devir da plástica galega mais actual. O acceso á mostra é gratuíto.
A mostra conta con 97 retratos fotográficos, e dela editarase un coidado catálogo. Entre o artistas en retrato atópanse Francisco Leiro, Laxeiro, Colmeiro, Caruncho, Leopoldo Nóvoa, Isaac Díaz Pardo, Elena Colmeiro, Xaime Quessada, Antonio Quesada, Antón Pulido, Pury del Palacio, Elena Gago, Ánxel Huete, Antón Sobral, Menchu Lamas, Rosalía Pazó, Mingos Teixeira, Diego de Giráldez e Yolanda Carbajales.
Mirar para coñecer, e facelo desde as creacións de Xulio Gil, cunha mirada fascinante, que incorpora na visita unha cartela que mostra unha peza artística de cada un dos retratados para a súa contextualización.