A AELG organiza na Coruña o roteiro literario 'Sempre en Galiza. Sempre con Castelao'

A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) pon en marcha unha actividade cultural en forma de roteiro literario baixo o título 'Sempre en Galiza. Sempre con Castelao', guiada por Pilar García Negro. Esta iniciativa ten como finalidade achegar á cidadanía as cidades e vilas de Galicia a través dos ollos das nosas escritoras e escritores, que fan de guías baseándose en obras propias ou alleas relacionadas con eses lugares.
O roteiro, que terá lugar o sábado 28 de xuño na cidade da Coruña, partirá ás 12.00 horas dos Xardíns dos Cantóns, diante do busto dedicado a Castelao, e desenvolverase arredor de varios eixos temáticos fundamentais: o tempo vital e histórico de Castelao; o seu papel como artista, escritor, político nacionalista e patriota galego; e finalmente, o seu exilio e obra derradeira 'Sempre en Galiza'.
A actividade está aberta a todas as persoas interesadas e non require inscrición previa. Conta co apoio do Concello da Coruña, que colabora para promover o achegamento á memoria literaria e cultural do país.