A AELG escolle ao palestino Basim Al-Khandaqji como Escritor Galego Universal 2026

ACoruñaXa
O Consello Directivo da entidade distingue ao autor, premiado en 2024 polo coñecido como 'Booker árabe', pola súa traxectoria literaria e pola defensa da dignidade nacional de Palestina
A CORUÑA Basim Mohammad Saleh Adeeb Al-Khandaqji
2 Jan 2026

O Consello Directivo da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) aprobou o nomeamento do escritor palestino Basim Mohammad Saleh Adeeb Al-Khandaqji como Escritor Galego Universal en 2026, un recoñecemento co que a entidade pon o foco en voces internacionais que destacan pola súa obra e polo seu compromiso coa dignidade humana e nacional.

Nado en 1983 e formado en Socioloxía, con estudos de posgrao en Estudos Israelís na Universidade Al-Quds, o autor acadou proxección internacional coa novela ‘Unha máscara da cor do ceo’, galardoada en 2024 co International Prize for Arabic Fiction (IPAF), un premio coñecido popularmente como o 'Booker árabe'.

A súa figura tamén estivo marcada polos anos de reclusión e pola recente actualidade política. Segundo recollen medios internacionais, foi liberado en 2025 no marco dun intercambio de prisioneiros ligado ás negociacións entre Israel e Hamas.

A obra de Al-Khandaqji abrangue poemarios e narrativa, con títulos publicados en editoriais de Beirut, Ammán e Palestina, e inclúe tamén artigos literarios e políticos difundidos en medios dixitais e redes. O nomeamento da AELG engádese a unha lista de autores e autoras recoñecidas en edicións anteriores, entre elas Mahmud Darwix, Nancy Morejón, Elena Poniatowska, Juan Gelman, Lídia Jorge ou Ana Luísa Amaral.

⚙ Configurar cookies
0.079025983810425