A AECC abre en Teixeiro un espazo de diálogo para falar do cancro con información clara e apoio

A Xunta Local da Asociación Española Contra o Cancro (AECC) en Curtis-Teixeiro organiza este xoves 26 de febreiro unha nova sesión informativa aberta á veciñanza co obxectivo de achegar coñecemento, resolver dúbidas e favorecer un acompañamento máis próximo ás persoas con cancro e ás súas familias. A cita será ás 19.00 no Edificio de Usos Múltiples de Teixeiro, na avenida Buenos Aires.
A charla estará impartida pola doutora Julia Rodríguez, coordinadora da Unidade de Mama do Hospital HM Modelo, nun encontro pensado para abordar a enfermidade con rigor e en clave accesible, con tempo para preguntas e orientación.
Desde a organización lembran que a actividade é gratuíta e agradecen o labor do voluntariado e a colaboración do Concello de Curtis no compromiso coa saúde comunitaria. A AECC conta, ademais, cun servizo de atención gratuíta 24 horas no 900 100 036 para persoas con cancro e familiares, con apoio psicolóxico, social e sanitario, entre outros recursos.