A adolescencia máis vulnerable, no centro da nova novela de Estefanía Padullés

A escritora e ilustradora Estefanía Padullés, afincada no concello lucense de Paradela, dá un xiro á súa traxectoria coa publicación de ‘Memoria de sombra y bosque’, a súa primeira novela pensada para público xuvenil e adulto. A obra preséntase este venres 27 de febreiro na Libraría Lume (rúa Fernando Macías, 3), a partir das 19.00 horas, nun acto que busca abrir conversa sobre adolescencia, saúde mental e a cara menos visible do sistema de protección de menores.
Editada por Hércules de Ediciones, a novela aposta por unha narrativa máis crúa e pegada á realidade social, afastándose do álbum ilustrado co que Padullés se consolidou no ámbito infantil.
O libro nace dun proceso de documentación e recolle ecos de casos reais de mozos e mozas internados en centros de menores, persoas etiquetadas como ‘problemáticas’ e apartadas baixo tutela institucional. A historia pon o foco en Alina, unha rapaza de 15 anos criada nese sistema, e explora como a súa identidade queda condicionada por informes e expedientes, nun escenario onde as fronteiras entre o racional e o irracional se volven difusas.
‘É unha historia sobre os abandonados e os esquecidos’, resume a autora, que reivindica a dignidade de quen queda nas marxes e a necesidade dun entorno que non se limite a custodiar, senón que tamén coide.