A AC-012 recupera o tráfico tras o derrubo da parte máis complexa do viaduto

A AC-012 volve estar aberta ao tráfico desde a pasada medianoite, unha vez rematados os traballos de demolición do tramo do viaduto que obrigou a pechar a circulación durante tres días na contorna da avenida da Pasaxe. A reapertura produciuse antes do inicialmente previsto, ao avanzar as obras con máis axilidade do calculado pola Xunta.
A actuación formaba parte dun dos momentos máis delicados da remodelación dos accesos ao novo CHUAC. Segundo a Xunta, nestes días completouse o derrubo da parte do viaduto programada para esta fase, correspondente ao tramo máis longo e singular da estrutura. En total, foron demolidas arredor de 4.000 toneladas de material, que quedarán almacenadas de forma provisional para seren reutilizadas posteriormente como recheo dos viarios da propia obra.
A intervención arrancara o 30 de marzo, coincidindo cos días de menor intensidade circulatoria da Semana Santa, e obrigou a activar desvíos e itinerarios alternativos coordinados entre a Xunta e o Concello. A partir de agora, os traballos continuarán co derrubo dos vanos restantes do viaduto, aínda que xa sen novas afeccións ao tráfico na avenida da Pasaxe. Unha vez rematada toda a demolición, a obra entrará na fase de execución do novo viaduto, peza central do plan de accesos ao futuro complexo hospitalario.