A AAVV San Pantaleón, en Paderne, súmase á recuperación dos 'mecos' para o Entroido

A parroquia de San Pantaleón, no concello de Paderne, quere volver encherse de 'mecos' este Entroido 2026. A Asociación de Veciños de San Pantaleón fixo un chamamento á veciñanza para participar nunha iniciativa colectiva sinxela: elaborar un boneco e colocalo nun lugar visible da parroquia. O obxectivo é recuperar unha tradición popular ligada ao Entroido e reforzar a implicación comunitaria na celebración.
A proposta intégrase na campaña comarcal 'Mecos do Entroido, tradición viva', difundida tamén coa etiqueta 'entroidizaoteurueiro', coa que distintas entidades pretenden reactivar esta práctica tradicional en diferentes puntos das comarcas do Eume e Betanzos. Dentro das accións de divulgación asociadas a esta iniciativa inclúese tamén unha charla informativa que terá lugar o martes 3 de febreiro, ás 20.15 horas, no Salón Azul do Edificio Liceo de Betanzos, coa participación de Miguel Carnota da Asociación Roxin Roxal, Miguelanxo Abraira de A Chalana Cultural, Emi Cagiao da Asociación Entroido Samede e Mª Luisa Pérez e Lupe Lema da Asociación de Comerciantes de Betanzos.
Ao remate da sesión desenvolverase un obradoiro de construción de 'mecos', apto para crianzas, no que se recomenda levar roupa vella (parte superior, parte inferior e tea branca) para poder elaborar un boneco propio. Desde a Asociación de Veciños de San Pantaleón lembran que, no caso de Paderne, a participación está aberta a toda a veciñanza e que calquera dúbida pode consultarse directamente coa entidade.