A 27ª edición de Viñetas desde o Atlántico acollerá a mostra dos traballos de máis de 40 autores galegos

ACoruñaXa
O programa presenta unha nova estrutura, en torno a seccións especializadas orientadas aos seus diferentes públicos: Viñetas Expo, Viñetas Show, Viñetas Rúa BD; entre outras
a alcaldesa na oresentacion da da 27 edicion de vinetas desde o atlantico
A alcaldesa, Inés Rey, na conferencia de prensa
22 Jul 2024

A Coruña converterase un ano máis no gran referente das e dos amantes do cómic para celebrar, do 12 ao 18 de agosto, a 27ª edición de Viñetas desde o Atlántico. A alcaldesa, Inés Rey, presidiu a rolda de prensa de presentación da programación completa do certame. Estivo acompañada de Manel Cráneo, que asume neste 2024 a dirección desta cita internacional, que contará cun total de 18 exposicións, ademais da xa tradicional Rúa da BD e dun rico programa de actividades, que incluirá charlas, visitas, firmas de libros, proxeccións de cinema, música e obradoiros para profesionais e público infantil. Rey e Cráneo estiveron acompañados polo concelleiro de Cultura e Turismo, Gonzalo Castro, pola deputada de Cultura da Deputación da Coruña, Natividade Rodríguez, e pola xefa do servizo de Coordinación Cultural da Xunta de Galicia, Rosario Fernández-Albalat, ademais dalgunhas das autoras e autores galegos participantes.

Como novidade neste 2024, o programa de Viñetas desde o Atlántico presenta unha nova estrutura, en torno a seccións especializadas orientadas aos seus diferentes públicos: Viñetas Expo, Viñetas Show, Viñetas Rúa BD, Viñetas Mini, Viñetas Ñam!, Viñetas Pro, Viñetas Inclusivas e Viñetas na Escola. “Este será un dos Viñetas con máis proxección e novidades, tendo durante unha semana completa o pulso creativo do cómic a nivel galego, nacional e internacional na nosa cidade”, sinalou a alcaldesa, Inés Rey.

Na súa 27ª edición o Salón do Cómic da Coruña acollerá a mostra dos traballos de máis de 40 autoras e autores galegos, ademais dun total de 18 exposicións, máis de 100 sesións de sinaturas, unha vintena de editores de toda España presentes na Coruña durante o evento e máis de 30 actividades na Rúa da BD, que contará cun total de 36 expositores. Disciplinas como o cinema, o teatro e a música, sempre relacionadas co universo da banda deseñada, incorpóranse ao cartel deste Viñetas 2024, que contará cunha novidosa serie de entrevistas coas autorías convidadas en formato ‘Late Night Show’ que se desenvolverán no Teatro Colón.

As temáticas sociais, a internacionalización e a aposta pola banda deseñada independente e experimental son as claves de Viñetas Expo, que dedicará exposicións monográficas a Genie Espinosa, Lucas Varela, Marcello Quintanilha, Kundo Krunch, Susanna Martín, Marc Torices, Yeyei Gómez e Jorge Campos, ademais de acoller as mostras das firmas gañadoras do Premio Castelao de Banda Deseñada 2023, Paula Mayor e Cristian F. Caruncho, e a mostra dos fanzines presentados ao I Premio Autobán ao Mellor Fanzine Galego, convocado este 2024.

Pola súa banda, ‘Toriyama en Galicia’ é o título da exposición colectiva que lle rende homenaxe ao autor de personaxes xa míticos do noso imaxinario como Son Goku ou Arale, da man dunha coidada selección de autoras e autores galegos como Paula Cheshire, José Domingo, Miguel Robledo ou Xulia Pisón, entre moitos outros, con ilustracións debuxadas especialmente para a mostra, ademais dunha escolma de páxinas do fanzine ‘Onda Vital!!’ e outros obxectos e publicacións relacionados coa obra de Akira Toriyama.

Por primeira vez, unha personaxe de cómic dun autor galego -Gaspariño de Xaquín Marínsúmase á colección de figuras que visten a cidade da Coruña durante a celebración do Viñetas; unha colección que neste 2024 recupera, tamén, a figura de Groucho, de Ventura & Nieto, tras o pasamento de Enrique Ventura, un dos grandes clásicos da revista El Jueves.

Como outro dos fitos destacados, cabe mencionar, tamén, que Fermin Muguruza presentará no marco de Viñetas Show, no Teatro Colón, o seu filme Black is Beltza II: Ainhoa, secuela do éxito Black is Beltza, primeira incursión do artista no cinema de animación, que se presenta de novo acompañada da versión en banda deseñada da historia, debuxada por Susanna Martín.

Inés Rey destacou tamén a importancia de contar co sector do cómic coruñés e galego, que estarán moi representados neste Viñetas. “A Coruña ten un tecido artístico local moi importante e estará moi presente, porque a nosa cidade é cultura e desde o Concello traballamos todos os días para amosarllo ao mundo”, sinalou Rey.

programa da 27 edicion de vinetas desde o atlantico

Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 634

Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 635
0.13233685493469