91 ANPAS da provincia piden as novas axudas da Deputación para actividades escolares en 2026

Un total de 91 asociacións de nais e pais (ANPAS) de centros educativos públicos da provincia da Coruña presentaron solicitude á nova convocatoria de axudas impulsada pola Deputación para apoiar a organización de actividades ao longo de 2026. Segundo trasladou a institución provincial, trátase dunha primeira edición con alta participación, o que evidencia a demanda existente para reforzar o papel destas entidades na vida escolar.
O programa, identificado como FO202/2026, está dotado con 250.000 euros e diríxese ás ANPAS de colexios públicos de Primaria e institutos públicos de Secundaria, quedando fóra as de centros privados e concertados. A finalidade é colaborar en gastos derivados de proxectos, programas e iniciativas de carácter educativo, formativo, cultural ou de lecer que complementen a formación regrada e favorezan a participación das familias.
Entre as actuacións que poden encaixar na convocatoria figuran actividades extraescolares e de reforzo educativo, saídas didácticas e culturais, encontros formativos para alumnado e familias e propostas orientadas á convivencia, á inclusión e á igualdade de oportunidades. As bases tamén recollen medidas de conciliación, como servizos de 'mañanceiros' ou 'cueiros', e accións que impulsen o uso do galego e o respecto polo medio ambiente na comunidade educativa.
Cada ANPA poderá optar a unha subvención de entre 1.500 e 10.000 euros, cun coeficiente de financiamento variable do 20 % ao 80 % do orzamento subvencionable. As actividades deberán realizarse entre o 1 de xaneiro e o 31 de decembro de 2026, admitíndose de maneira excepcional xustificantes emitidos ata o 16 de xaneiro de 2027 para gastos do remate do período.
No detalle de gastos, as bases inclúen, entre outros, material non inventariable, contratación de servizos, alugueiros e transportes, así como soldos e Seguridade Social vinculados ás actividades subvencionadas, sempre dentro das condicións marcadas.