550 sinaturas no CIFP Ánxel Casal para que a folga do bus non lles penalice nas faltas

ACoruñaXa
Estudantes dun dos centros de FP con máis matrícula de Galicia entregaron as sinaturas á Consellería de Educación e advirten de que as ausencias poden levalos a perder a avaliación
A CORUÑA ceip anxel casal
Imaxe cedida por Adriana, alumna do centro
11 Feb 2026

O alumnado do CIFP Ánxel Casal en Monte Alto, A Coruña, asegura que a situación do transporte público, coa folga no bus e paros tamén no ferrocarril, está a complicar a asistencia ás clases de estudantes que chegan desde distintos puntos da provincia e mesmo doutros lugares de Galicia. O centro supera os 2.500 matriculados e oferta ciclos moi demandados e, nalgúns casos, únicos na contorna, o que multiplica o número de desprazamentos diarios.

A preocupación, segundo explican, non é só a dificultade para chegar un día puntual, senón o acumulado nas semanas de avaliación e coa vista posta no inicio das prácticas. Adriana, delegada de segundo de Animación Sociocultural e Turística, apunta que o que máis pesa é a falta de alternativas cando falla o transporte: ‘saber que no tes outra opción tamén pon un pouco dos nervios’.

O punto máis delicado está no sistema de control de asistencia por materias: aínda que as faltas poidan xustificarse pola folga, o límite mantense e pode esgotarse igualmente. A delegada pon exemplos de módulos nos que apenas hai marxe: ‘hai asignaturas nas que só temos dúas horas á semana, polo que só se pode faltar dúas veces en todo o ano’ e advirte de que, cando se chega á perda de avaliación continua, os exames de recuperación son moito máis complicados, polo que se pode perder a asignatura.

Entre os casos máis complexos, cita o dunha compañeira de Malpica aloxada no Centro Residencial Docente da Coruña, no Burgo, sen unha alternativa real de bus na zona: ‘non pode coller o bus dende O Burgo porque non hai.  Ainda por riba, os venres tense que ir da residencia porque pecha, e quédase completamente tirada, porque tampouco ten bus a Malpica’.

Cando non hai máis opción, algunhas familias e estudantes vense obrigados a recorrer ao taxi, cun custo difícil de asumir. Adriana explica que ‘dende Cambre o custo mínimo do taxi é de 25 euros’ e insiste en que é inviable para estudantes sin unha economía estable. O problema incluso afecta ao profesorado: ‘temos unha profesora que usa BiciCoruña para vir dar a clase ’.

550 sinaturas e unha reclamación formal a Educación

Ante esta realidade, o alumnado reuniu máis de 550 sinaturas e presentou unha reclamación formal por rexistro dirixida á Consellería de Educación para que se articule unha resposta que evite prexuízos académicos. ‘Non pedimos unha medida concreta no escrito. Só pedimos que nos propoñan solucións ’, resume Adriana.

A reclamación céntrase, sobre todo, no sistema de faltas por módulos: aínda que a ausencia se poida xustificar pola situación do transporte, o ‘límite’ segue existindo e pode esgotarse. ‘Non temos ningún protocolo que nos respalde’, sostén a delegada, que recoñece o apoio do profesorado, pero tamén as súas limitacións para actuar sen instrucións claras.

Folga indefinida e servizos mínimos

A folga indefinida no transporte por estrada na provincia da Coruña retomouse este mércores 11 de febreiro tras fracasar a mediación e despois de que a plantilla rexeitase un preacordo (831 votos en contra fronte a 336 a favor, segundo o reconto difundido). A Xunta mantén servizos mínimos mentres dure o conflito: nas rutas de menos de 25 quilómetros fíxase o 50% das expedicións nas franxas de 6.00 a 9.00 e de 18.00 a 21.00 horas; e nas liñas de máis de 25 quilómetros que conectan coa rede das sete cidades galegas, unha ida e unha volta con saídas antes das 14.00 e despois das 18.00 horas. Tamén se consideran esenciais rutas escolares e servizos socioasistenciais.

No caso da Coruña, a primeira xornada do paro deixou un funcionamento moi desigual segundo concesionarias e coincidiu, ademais, con incidencias no ferrocarril por outra convocatoria de folga, o que agravou os problemas de mobilidade.

Mentres agardan resposta oficial, os estudantes insisten en que non cuestionan o dereito a folga, pero piden unha solución para non verse obrigados a escoller entre a súa formación e unha loxística imposible: ‘O que buscamos é unha solución viable, é o único que pedimos’.

⚙ Configurar cookies
0.087689876556396