3,5 millóns para contratar máis de 400 persoas e reforzar servizos municipais na provincia

ACoruñaXa
A Deputación da Coruña activa unha nova edición do PEL-Concellos, con axudas para 90 concellos e partidas destacadas na área da Coruña e en varios municipios das Mariñas e da contorna de Ordes
DEPU CORU pel concellos
3 Mar 2026

A Deputación da Coruña destina este ano preto de 3,5 millóns de euros á contratación de máis de 400 persoas desempregadas a través do programa PEL-Concellos, unha das liñas principais do Plan de Emprego Local, o PEL. A iniciativa busca, por unha banda, facilitar a inserción laboral e, pola outra, axudar os concellos a soster e mellorar servizos públicos básicos.

O presidente provincial, Valentín González Formoso, destacou o dobre impacto do programa e defendeu que ‘non só crea oportunidades de emprego para persoas que o teñen máis difícil, senón que tamén axuda aos concellos a manter servizos públicos esenciais, especialmente no rural’. Na mesma liña, subliñou que é unha ferramenta para reforzar servizos municipais á vez que se abre unha oportunidade laboral a centos de persoas.

As axudas, entre 22.000 e 75.000 euros, permitirán contratar persoal para tarefas como a limpeza e mantemento de espazos públicos, a recollida de residuos, o abastecemento de auga potable, a conservación de vías, a vixilancia de centros educativos e outros servizos de competencia municipal.

A orientación cara ao rural volve ser clave. O 84,5% dos fondos, uns 2,9 millóns de euros, destínanse a concellos de menos de 20.000 habitantes, mentres que o 96,7% benefician municipios de menos de 40.000. ‘Falamos de emprego, pero tamén de igualdade territorial e de garantir que vivir nun concello pequeno non signifique ter menos servizos’, sinalou Formoso.

Na área da Coruña e en varios concellos das Mariñas e da contorna, as asignacións inclúen:

  • Abegondo: 37.000 euros
  • A Coruña: 75.000 euros
  • Aranga: 22.000 euros
  • Arteixo: 52.000 euros
  • Bergondo: 46.000 euros
  • Betanzos: 51.643,71 euros
  • Carral: 40.000 euros
  • Coirós: 28.000 euros
  • Culleredo: 49.420,82 euros
  • Curtis: 31.000 euros
  • Irixoa: 25.000 euros
  • Miño: 43.000 euros
  • Oleiros: 52.000 euros
  • Ordes: 52.000 euros
  • Oza-Cesuras: 37.000 euros
  • Sada: 52.000 euros
  • Paderne: 28.000 euros
  • Vilarmaior: 22.000 euros
  • Vilasantar: 22.000 euros

O programa mantén a prioridade para colectivos con maiores dificultades de inserción laboral, como persoas desempregadas de longa duración, maiores de 45 anos, mulleres, persoas con discapacidade, fogares sen emprego ou persoas en risco de exclusión social. Como novidade, inclúe de forma expresa as persoas menores de 30 anos entre os perfís prioritarios. Desde 2016, o PEL-Concellos facilitou unha oportunidade laboral a máis de 4.600 persoas na provincia, segundo os datos da Deputación.

0.15080618858337